Miguel Paz fixo un chamamento á unidade para traballar por Noia

M. Gómez Noia / La Voz

BARBANZA

MARCOS CREO

A Marea Cidadá, o NOIA e o BNG deron o seu apoio ao lídero socialista

14 jun 2015 . Actualizado ás 05:00 h.

Despois dunhas semanas intensas para pechar o acordo da investidura, Miguel Paz Barreiro, que xustamente cumpría onte 67 anos, tomou posesión como alcalde de Noia. Como estaba previsto, a Marea Cidadá, o NOIA e o BNG déronlle o seu apoio e o municipio contará durante outros catro anos cun rexedor socialista. No seu primeiro discurso no cargo, dedicouse fundamentalmente a dar as grazas a todas as persoas que fixeron posible «que cumpra o soño de traballar polo meu pobo» e fixo un chamamento á unidade dos distintos grupos políticos para traballar por Noia.

Coa intervención do novo alcalde concluíu un pleno de investidura que se iniciou cun par de minutos de adianto. De feito, faltaba aínda un cuarto de hora para o inicio da sesión e xa non cabía unha alma no salón nobre. Agardábase o abarrote que, efectivamente, produciuse e tamén, talvez co recordo do ocorrido fai catro anos, altas doses de tensión, pero calquera parecido coa escena da toma de posesión do 2011 foi pura coincidencia. Non houbo berros, só aplausos, como os que o público dedicou aos concelleiros de todos os partidos á súa chegada.

A toma de posesión desenvolveuse segundo o previsto: o propio Miguel Paz e Manuel Seijas, edil da Marea, presidiron a mesa de idade que constituíu a nova corporación; un a un, e entre máis aplausos, os concelleiros xuraron o cargo e acto seguido, e a man alzada, elixiron alcalde. Unha pechada ovación selou a elección do candidato socialista.

Situación paradoxal

Rafael García Guerrero , que ocupou a alcaldía ata onte, entregou o bastón de mando a Miguel Paz consumando así a substitución no Concello. A escena, ademais, ten o seu paradoxo, como destacou o propio Paz: «Tivemos ao alcalde máis novo, e hoxe, que cumpro 67, elixiuse ao máis vello».

Así iniciou a súa intervención o novo mandatario, que dixo ser consciente «do moito que fixo o tripartito» pero tamén de que aínda queda moito por facer. Asegurou que de agora en diante «a miña única meta será servir ao pobo de Noia» e falou da necesidade de traballar para resolver os problemas dos veciños, de manter as instalacións e actuacións que se realizaron e de pelexar polos proxectos que están pendente. «Só unidos podemos conseguilo», remarcou.

Recoñeceu que seguen sendo tempos difíciles, así que «o noso maior compromiso é facer deste mandato un instrumento para contribuír na medida das nosas posibilidades á saída da crise social e económica», e rematou: «Estamos ante novos tempos que esixen novas formas de facer política, por iso prometo ser o primeiro exemplo de honradez, transparencia e austeridade».