Vilanova rende homenaxe a José Luis Prado con un concerto na súa memoria

La Voz VILANOVA

VILANOVA DE AROUSA

Acto de presentación del I Memorial José Luis Prado celebrado este jueves en el Concello de Vilanova
Acto de presentación do I Memorial José Luis Prado celebrado este xoves no Concello de Vilanova cedida

Será este venres ás 20.30 horas no auditorio coa participación de cinco agrupacións musicais

02 may 2024 . Actualizado ás 13:55 h.

José Luis Prado faleceu o pasado febreiro e unha das agrupacións musicais das que foi director —o Orfeón de Voces Graves Arousa— tardou só dous meses en organizarlle unha homenaxe que leva por nome I Memorial José Luis Prado Alfonso, unha vida adicada á música. Fano «en homenaxe ao noso pai musical, que merece isto e moito máis», segundo explica Roberto Fernández, que esta mañá compareceu no Concello para explicar os detalles dun evento musical que nace con vocación de continuidade.

A cita é o venres pola tarde, a partir das 20.30 horas no auditorio-teatro Valle-Inclán de Vilanova, con entrada gratuíta, e será retransmitida en directo a través de emitimos.com.

Ex compoñentes da Coral Polifónica de Vilanova reuníronse e ensaiaron un par de temas para poder estar no concerto e non faltarán, tampouco, a Orquestra de Pulso e Púa e o Orfeón de Voces Graves Arousa (este último en calidade de organizador). O cartel complétase coa Coral Polifónica Santa Mariña de Cambados e o grupo Cremallera. O acto será presentado pola actriz Marta Costa.

Durante presentación do memorial celebrada no Concello, o alcalde de Vilanova non deixou de encomiar o papel que xogou José Luis Prado na difusión e promoción da cultura musical e, tamén, á hora de organizar a Festa do Momo, o cal lle fixo merecedor da insignia de ouro da Festa do Mexillón.