A praza de abastos de Vilaxoán, a un paso de abrir tras a súa remodelación

Antonio Garrido Viñas
antonio garrido VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

Martina Miser

A empresa encargada das reformas está a dar os últimos retoques á obra

12 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Afirmaba onte o alcalde de Vilagarcía que calquera que coñecese a anterior praza de abastos de Vilaxoán non a recoñecerá tras a profunda remodelación que sufriu. Unha remodelación que está a afrontar xa os seus últimos pasos no que é a obra puramente dita e que terá o seu epílogo coa chegada do novo mobiliario. Esta adquisición, que non estaba prevista no orzamento, fará que a factura supere os 200.000 euros que se orzaron, pero considera o goberno local que é a guinda que lle faltaba á remodelación e que non hai problema en asumir a diferenza. Isto fará, tamén, que a reapertura se atrase unhas semanas á espera da instalación do novo mobiliario algo que, asegura Alberto Varela, foi acordado cos placeiros, que, afirma, que se mostraron de acordo.

Son tres, unha froitería, unha carnicería e unha pescadería, os postos que prestan os seus servizos na praza de abastos de Vilaxoán e que, actualmente, están abertos nun local moi próximo cuxo alugueiro paga o Concello mentres se están executando as obras. As obras que se realizaron no inmoble permitirán que esa cifra se amplíe, posto que se prepararon novos postos. De feito, unha das novidades é que se preparou un espazo ao lado da carnicería para que sirva como obrador para a preparación de pratos para levar. Agora toca sacar a licitación a compra da maquinaria e do mobiliario, que afirmou Varela Paz, que intentarán que sexa acorde cos gustos dos placeiros.

O antes e o despois

A nova praza de abastos de Vilaxoán será un espazo moderno, co espazo central reservado para a pescadería, diáfano e con moita luz natural. «Gustaríame que a xente puidera ver o antes e o despois deste investimento. É un cambio radical e posibilita que teñamos unha praza de abastos de Vilaxoán, que estou convencido de que vai provocar que moita máis xente veña mercar», asegurou o alcalde.

Non quixo pór data o alcalde á posta en funcionamento da instalación. «Estamos desexando abrir esta praza de abastos, pero os praceiros pedíronnos que o traslado se faga con tranquilidade. Entendemos a súa petición, que é lóxica», subliñou o alcalde, que destacou que a remodelación do inmoble era un dos compromisos que o goberno local adquirira con Vilaxoán. E neste punto destacou o investimento que se realizou coa escola infantil municipal, da que dixo que a súa importancia aínda non se valora na súa xusta medida. «Os servizos fixan poboación. Vou dar un dato, un dato do INE. Vilaxoán gañou en poboación dende que abriu a escola infantil municipal», afirmou, que subliñou o «esforzo importante» que o seu goberno está a facer en Vilaxoán.