Queixas polos cambios de horarios do tren da mañá: madrugar 20 minutos máis e agardar en Santiago

Bea Costa
Bea Costa LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

A partir do 8 de abril, o convoi que chega ás 7.13 horas a Vilagarcía desde Vigo farao ás 6.53

29 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Julián, Celso, Begoña e María collen o tren das 7.13 horas en Vilagarcía para ir traballar a Santiago de luns a venres. Se non hai atrasos chegan ao seu destino ás 7.37 horas, con marxe suficiente para iniciar a súa xornada laboral ás oito. A partir do 8 de abril terán que madrugar 20 minutos máis e agardar en Santiago debido ao cambio de horario que introduciu Renfe nesta liña. Fano, explican desde a compaña ferroviaria, debido ás obras que Adif está a realizar na estación de Madrid Chamartín-Clara Campoamor e co fin de facilitar a conexión da liña atlántica co tren que se dirixe a Ourense.

«Desta forma garántese que os clientes de Pontevedra e Vilagarcía poidan enlazar en Santiago co servizo Alvia procedente de Ferrol (e destino final Madrid), para chegar a Ourense », informa Renfe. Pero esta explicación non convence todos os usuarios do tren Media Distancia 9072 que actualmente sae de Vigo Urzaiz ás 6.35 horas. «Por catro prexudican por centos de persoas», sinala Julián, un dos viaxeiros que colle o tren en Vilagarcía.

Á madruga súmase o feito de que terán que facer tempo en Santiago ás sete e media da mañá, a unha hora na que non é doado atopar abertas nin as cafeterías. «A única que hai é a da estación e eu négome», sinala María.

No seu caso chove sobre mollado. No principio do ano quedou sen a posibilidade de levar o patinete que comprara para desprazarse desde a estación de tren á Cidade da Cultura, onde traballa, de modo que agora ten que buscarse a vida para dispor dun coche en Santiago para desprazarse ao Gaiás porque o autobús urbano non lle ofrece un servizo eficaz.

Non é a única que se atopa nesta situación. A súa homónima María tamén colle o tren en Vilagarcía e tivo que axenciarse un coche que deixa estacionado en Santiago para acudir ao seu traballo no polígono de Costa Vella calculando que chega a Compostela ás 7.37 horas. Agora, co cambio de horario, trastórnanse moitas axendas e xa hai quen está a pensar en renunciar ao tren como medio de transporte e saír directamente co coche desde Cambados gastando combustible e peaxe en caso de utilizar a autoestrada.

A outros nin sequera lles queda esa opción. Que pasa coas persoas que non dispoñen de vehículo propio e teñen que coller o tren ás seis e media da mañá en Vigo cando aínda non empezou a funcionar o autobús urbano? «En Vilagarcía somos uns cen os que collemos o tren, pero en Vigo e en Pontevedra son máis de douscentos». O colectivo confórmano, sobre todo, traballadores —moitos deles con posto nas oficinas e servizos da administración— e estudantes que se desprazan a diario a Pontevedra, Santiago e A Coruña.

«Complícasenos moito a vida», laméntanse os afectados, de modo que fan unha chamada desesperada para que os alcaldes das cidades do Eixo Atlántico movan ficha e soliciten a Renfe unha solución, ben sexa mantendo o horario actual ou ampliando as frecuencias. «Que escoiten á xente porque hai enquisas que din que a maior parte está en contra deste cambio horario».

Non son demasiado optimistas, máis tendo en conta que o 8 de abril está ao virar a esquina, pero tampouco están dispostos a dar a calada por resposta de modo que, polo menos, queda o dereito á rabecha e a denunciar as carencias do transporte público fronte ao discurso institucional e político que apela ao uso do tren e o autobús para diminuír as emisións contaminantes á atmosfera e, con iso, frear o cambio climático. «Obrígannos a coller o coche».

Segundo Renfe, o cambio horario neste tren da mañá é provisional, durará ata o mes de xullo, pero os usuarios din que non se fían e temen que este medida chegue para quedar. Xa houbo outros cambios xaneiro, cando a saída do mesmo tren adiantouse dez minutos, o que eleva a media hora a madruga e a espera na capital galega. Aos poucos, a xornada fóra de casa alóngase e o día faise máis duro de levar.

Outro problema engadido: a falta de prazas

O uso do tren hase disparado desde a pandemia, desde que entrou en vigor a gratuidade dos billetes para os traxectos de media distancia. Moitos traballadores que antes non utilizaban este medio de transporte agora si o fan, polo aforro e a comodidade que comporta, de modo que os trens van cheos e non sempre é doado atopar unha praza dispoñible. Isto obriga a reservar con moita antelación a través da App de Renfe e non é o primeiro que queda en terra, un problema que sofren especialmente os estudantes, que na maioría dos casos non teñen alternativa para acudir á facultade. Desde Vilagarcía, o traxecto máis saturado é o de Santiago. A partir de aí, atopar asento para viaxar á Coruña é máis sinxelo.