O PP ve no aparcadoiro Xoán XXIII unha oportunidade, pero di temer a xestión do PSOE

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

VILAGARCÍA DE AROUSA

MONICA IRAGO

Os conservadores instan o goberno socialista a aplicar bonificacións para a cidadanía e os usuarios do comercio e a hostalería

28 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

«É unha oportunidade para remediar o caos circulatorio e o déficit de aparcadoiros que causou a xestión de Alberto Varela». Esta é a opinión que o PP de Vilagarcía mantén sobre a municipalización do aparcadoiro da praza Xoán XXIII, cuxa xestión acaba de asumir o Concello. Os conservadores critican as reticencias que durante oito anos atribúen ao goberno socialista da cidade á hora de rescatar a concesión, decidida finalmente no ámbito xudicial. A pesar de todo, consideran que chegou o momento de «tomar medidas que axuden a potenciar o seu uso, faciliten o aparcadoiro e inviten a máis persoas a visitar» a capital arousá.

O rexedor, Alberto Varela, anunciou que o seu equipo estuda diferentes bonificacións para imprimir un xiro social ao uso do aparcadoiro. No entanto, o PP, que subliña que foi a primeira formación en propor este tipo de medidas, por exemplo para os clientes do comercio e a hostalería, non comprende que o Concello manteña polo momento as tarifas de Proínsa. O seu portavoz, Ana Granxa, acusa a Ravella de improvisar: «Que un Concello manteña os prezos dunha empresa privada non é algo do que presumir», apunta Granxa.