O sabor da primavera impregna Pontecesures a través dunha exitosa ruta de tapas

Rosa Estévez
rosa estévez PONTECESURES / LA VOZ

PONTECESURES

O Concello destaca o «salto cualitativo» dos bocados que serven os bares

21 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O venres pola noite arrincou, en Pontecesures , a Ruta de Tapas de Primavera. Nove establecementos da localidade —O Candil, O Choco, Telebar, A Palmeira, Mambís, Carabela, Casa Chaves, Reencontro e Parrillada Isidro— puxeran a funcionar as súas cociñas para presentar á súa clientela uns bocados que se ían servir a 3,50 euros. Asegura o concelleiro Roque Araújo (PSOE) que este ano hai «unhas tapas moi variadas». E que os negocios que decidiron sumarse a esta actividade «esmeráronse» á hora de deseñar os seus pratos para o certame. «Nótase un salto cualitativo nas tapas; os locais usan ingredientes novos, novas presentacións... Vese que hai gañas de innovar e de facer cousas distintas que sorprendan á xente. E están sorprendendo moito», explica o concelleiro. No menú, sobresae o bacallau, que se pode degustar en forma de torrada, ao estilo peregrino, ou en «explosión». Tamén hai bocados doutros peixes, como o «tartarzán de la selva», paella «moderna», espeto de cabaciña, uns carafio convertidos en bombitas picantes, unha exótica «paixón autóctona» e raxo con pementos e patacas.

Xa o venres pola noite, a ruta de tapas converteuse nunha excelente razón para saír a tomar algo en Pontecesures. «Xa houbo movemento», asegura Araújo. O sábado ao mediodía volveu repetirse ese bo ambiente, que parece vir dar a razón a quen quixeron apostar por organizar, ao longo do ano, pequenos eventos que sirvan como escusa para atraer xente ás rúas desta localidade do Baixo Ulla, dinamizándoas e insuflándolles vida, que é do que, ao final, vai todo isto, tal e como lembraba onte a alcaldesa, Maite Tocino (BNG). O obxectivo, neste caso, parece cumprirse, sinala.

Desde o Concello destacan a boa sintonía que se estableceu entre a casa consistorial, os hostaleiros e o comercio. Este último sector tamén decidiu pórse en marcha e hoxe domingo, por primeira vez en moitos anos, en horario ininterrompido de dez da mañá a oito da tarde, seis establecementos sacarán a súa mercancía á rúa, dando forma a un mercado. Ao mediodía haberá animación musical; pola noite, á hora do peche, un sorteo de premios entre quen teñan realizado compras durante o día na Plazuela.