A xuíza de paz de Pontecesures cuestionada polo PP xa ocupou ese posto durante o mandato de Seage

La Voz PONTECESURES / LA VOZ

PONTECESURES

CEDIDA

A alcaldesa Maite Tocino asegura que o informe de secretaría avala o nomeamento de Mercedes Meniño e acusa ao PP de facer unha oposición ultra»

29 mares 2024 . Actualizado ás 20:21 h.

O PP de Pontecesures acusou esta semana ao goberno local de cometer irregularidades no proceso de elección da nova xuíza de paz, Mercedes Meniño. Aseguraba o portavoz municipal dos populares que lla persoa designada mantén vínculos co BNG, feito que, aseguraba, facíaa inelegible para o cargo. A alcaldesa cesurá, Maite Tocino (BNG) deu resposta ás acusacións do PP. Segundo asegura, o informe da secretaría municipal avala a designación da nova xuíza de paz, cuxa designación «cumpliría todos os requirimentos normativos». De feito, a alcaldesa sinalou que «a candidata proposta polo grupo de goberno xa ostentaba o cargo e fixo funcións de xuíza de paz substituta no Concello cesureño nos últimos sete anos, coincidindo co PP na Alcaldía, sen que se detectase ningunha irregularidade como as que agora denuncian os ‘populares' tras pasar á oposición».« Á vista da normativa citada, da proposta de Alcaldía e da documentación achegada polas persoas interesadas, esta Secretaría non ve inconvinte na designación das propostas de xuíz titular e suplente- cumprindo cos requisitos que se esixe para a súa delegación», di o informe de secretaría.

Tocino sinala que se tivo que renovar a todo o persoal do xulgado de paz pola marcha do titular do mesmo, optándose por «pasar ao posto titular á xuíza suplente (incorporada en 2016) e incorporar a unha das cinco persoas aspirantes ao posto auxiliar». Así, di a alcaldesa, o propuxera o xuíz titular, aínda en activo, a fin de «aproveitar a experiencia adquirida por Meniño ao executar as funcións na súa ausencia nos últimos sete anos. Neste tempo, a actividade da candidata “estivo fóra de toda dúbida», explican desde a alcaldía.

Tocino descarta así as acusacións de nepotismo lanzadas polo PP e mostra a súa tranquilidade ante a denuncia ante o xuíz decano de Caldas. Para a alcaldesa, a actuación do Partido Popular busca xerar polémica facendo oposición «ultra», «metendo baza onde pode para buscar relevancia pública e facendo acusacións falsas que non se sosteñen». Ademais, Tocino indica que Meniño non é afiliada ao BNG, «polo que cumpre as condicións de capacidade e elixibilidade marcadas por lei para o cargo».