O PP denuncia irregularidades na elección da xuíza de paz de Pontecesures

La Voz PONTECESURES / LA VOZ

PONTECESURES

Martina Miser

Sinala que Mercedes Meniño foi nas listas do BNG e que a lei di que «este posto non pode estar ocupado por persoas que pertenzan a partidos políticos»

26 mares 2024 . Actualizado ás 19:18 h.

No pleno celebrado o luns pola noite en Pontecesures aprobouse o nomeamento de Mercedes Meniño como nova xuíza de paz. Foi elixida para o cargo cos votos a favor do BNG e do PSOE, mentres que o PP votou en contra e aproveitou a sesión para advertir que esa elección incorre en irregularidades xa que« é unha persoa vencellada ao Bloque, formación coa que concorreu nas listas das eleccións municipais dos anos 2011 e 2015, incumprindo deste xeito a normativa para este posto». O portavoz municipal do PP, Manuel Vidal Seage, lembrou que o artigo 395 da Lei do Poder Xudicial recolle que os xuíces non poden pertencer a partidos políticos e sindicatos, e sinalou que «dita cuestión vén reafirmada polo informe de Secretaría, polo que non se entende que se ocultara este dato e o vencellamento da persoa elexida co partido da alcaldesa». «Todo o mundo sabe en Pontecesures que a persoa designada por BNG e PSOE foi de suplente na candidatura nacoinalista nas eleccións municipais do 2011, e subíu á sexta praza nos comicios do 2015, e eleo sen esquencer que participou activamente en todos os actos de campaña do Bloque o pasado mes de maio, polo que, ademais de ante un claro incumprimento da normativa, estamos ante un atropelo, un insulto e a aplicación máxima da política do amiguismo», sinalou Seage.

A persoa elixida para ocupar o posto de xuíza de paz era unha das cinco candidatas a ocupar devandito posto, e o PP sinala que non se coñece «a baremación realizada polo goberno local para considerala a persoa máis idónea agás que sexa polo seu vencellamento co BNG que, realmente, é a circunstancia que a inhabilita para o posto». En todo caso, os populares advirten que trasladarán este asunto ao xuíz decano de Caldas para que determine se «a persoa elexida polo pleno pode desempeñar esa función».