Pontecesures propón que A Tarroeira teña uso residencial, de servizos, deportivo e mesmo agrario

La Voz PONTECESURES / LA VOZ

PONTECESURES

Concello de Pontecesures

Maite Tocino explica que esa proposta xa foi comunicada ao líder do PP antes de que este solicitase a mediación da Valedora do Pobo

01 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A proposta que o goberno local de Pontecesures ten para a zona da Tarroeira pasa por «crear unha grande área residencial, deportiva e de servizos, en lugar de crear un simple polígono industrial». Así o explicou onte a alcaldesa, Maite Tocino (BNG), reiterando a información que asegura ter enviado ao líder do PP local antes de que este a solicitase a través da Valedora do Pobo. «A idea é desenvolver nos 326.000 metros cadrados dispoñibles un espazo polivalente e multifuncional no que teñan cabida un área de vivenda pública, un área comercial, un área natural e de lecer para conservar a zona de interese ambiental existente, un espazo de equipamentos deportivos e, tamén, un espazo de uso agrario no que se poderían desenvolver, por exemplo, cultivos ecolóxicos». Explica Tocino que é preciso «aproveitar o potencial da zona da Tarroeira como espazo para que a vila medre», e reitera que «non é de recibo instalar novas industrias no medio das casas e de equipamentos, xa que a escasos cen metros dos terreos do polígono hai un centro de saúde, un colexio, un instituto, unha escola infantil e outras dotacións».

A alcaldesa sinalou que o polígono industrial proposto acabaría por estrangular o crecemento da localidade e insistiu na posibilidade de desenvolver nese punto vivenda pública, tan necesaria nun contexto no que «compravenda de casas e pisos diminuíu considerablemente e os prezos do alugueiro aumentaron case un 50%».

Esta información, sinalou onte Tocino , foi trasladada ao PP local «nun escrito asinado dixitalmente dende a Alcaldía o pasado martes, antes de que chegara ao Concello ningún requirimento da Valedora do Pobo ao respecto». A alcaldesa sinala que «sempre que o portavoz do PP preguntou sobre a Tarroeira nas sesións plenarias, explicouse que dende o goberno local íase propoñer ao Instituto Galego de Vivenda e Solo unha alternativa ao proxecto da Xunta, ante as deficiencias detectadas e o impacto negativo para a veciñanza» e pediu ao PP local que «mude de atidude ao respecto da Tarroeira para favorecer á veciñanza do Concello».