Seis días de festa para honrar á Virxe do Carme no Grove

leticia castro O Grove / LA VOZ

O Grove

PACO RODRÍGUEZ

A celebración será do 12 a 17 de xullo, contará con orquestras como París de Noia e apostará ademais polo talento local

09 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

O Grove honrará este ano á Virxe do Carme con seis días de festexos nos que non faltarán a música nin o baile, como tampouco os actos relixiosos. A comisión de festas que asumiu o mando hai un ano traballou duro para completar un cartel que sexa do agrado dos veciños, e que contempla unha intensa programación desde o 12 ata o 17 de xullo.

A imaxe da virxe sairá en procesión marítima o día 16 ás sete da tarde, acompañada de multitude de barcos. Un acto que virá precedido por dúas misas, unha pola mañá, cantada pola Coral Polifónica de Pescadores de San Martiño, e outra pola tarde, na lonxa, cantada por Asxupen para honrar aos mariñeiros falecidos.

Será un dos actos centrais da festa como é habitual, xunto á ampla programación musical. A cita arrincará o venres 12 co pasacalles de Fanfarria Furruxa, encargado da música matutina. Ás oito e media da tarde haberá unha actuación da Asociación Cultural Paradanda na rúa Castelao, á que seguirán os concertos dos grupos locais Cinco en Zocas, Os Firrás, A Banda do Sequío, Fla Meco e o Dúo Prisma, que darán vida á primeira edición da Noite Meca. A rúa Castelao tomará protagonismo como escenario alternativo, xa que o sábado actuará alí a Asociación Cultural Cantodorxo, e o domingo pola mañá a Banda de Música do Grove.

Ata sete orquestras animarán ao público na Praza do Corgo. O sábado 14, a celebración correrá a cargo de América S. L., e o fin de festa porao a discoteca móbil Dolce Vita. O domingo 14 tocaralle a quenda aos Satélites e Marbella, mentres que o luns 15 os protagonistas serán A Onda ADN e Assia.

O broche ás festas porano as orquestras París de Noia e Kubo o 16 de xullo, día do Carmen. Os máis pequenos terán celebración infantil, con inchables de auga, festa da espuma e animación a cargo de X-Quatro. Será o domingo, ás cinco da tarde, e poderán gozar das atraccións de feira, a un prezo reducido, o mércores 17.