Meis acometerá obras de urxencia no tellado da escola infantil por seguridade

La Voz MEIS / LA VOZ

MEIS

Martina Miser

A alcaldesa solicita unha reunión co novo conselleiro de Sanidade e anuncia a suspensión do desfile de entroido deste sábado debido ao mal tempo

03 may 2024 . Actualizado ás 12:43 h.

A gardería municipal de Meis está pendente dunha obra valorada 470.000 euros que vai permitir a mellora da eficiencia enerxética do edificio e suporá a reforma interior do inmoble. Precisamente esta semana, o Concello remitiu á Xunta o plan de obra e seguridade que se lle requiriu por parte da Consellería de Política Social como paso previo para licitar os traballos, pero xurdiu un «inconvinte», en palabras da alcaldesa de Meis, Marta Giráldez.

Segundo explicou esta mañá en rolda de prensa, detectáronse problemas no tellado do edificio que alberga as aulas de educación infantil e a escola unitaria ata o punto de que, ante posibles desprendementos de tezas, houbo que valar o recinto e habilitar outra entrada para que os nenos entren en clase.

Esta situación levou ao goberno local a sacar a contratación pola vía de urxencia a obra de reparación do tellado co fin de garantir a seguridade dos usuarios e coa previsión de que poida executarse canto antes.

Outras obras previstas

Non foi a única actuación da que deu conta  a alcaldesa. Tamén anunciou a remodelación do lavadoiro de Sobreira, na parroquia de San Vicente, grazas á concesión dunha subvención por parte de Turismo da Xunta de 30.000 euros, e a execución do asfaltado e mellora da pista que une os lugares de Couso e Batán, en Armenteira, con cargo ao Plan Marco do 2024. Trátase dun viario moi transitado polo que mesmo circula transporte escolar, que presenta moi malas condicións.

Por outra banda, a alcaldesa deu conta da solicitude de entrevista que acaba de cursar ao novo conselleiro de Sanidade co obxectivo de coñecer como van os trámites para a contratación do proxecto do novo centro de saúde e anunciou a decisión do goberno local de cancelar o Entroido de Primavera que se ía celebrar este sábado. É a terceira vez que se suspende o desfile de entroido debido ao mal tempo, de modo que a celebración se cancela de forma definitiva ata o próximo ano.