Representantes de oito países participarán esta semana en Catoira nun encontro viquingo

La Voz CATOIRA / LA VOZ

CATOIRA

Martina Miser

Dará comezo o xoves, coa asemblea da Asociación DVA Follow the Vikings

06 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Máis de 20 visitantes de diversos países do norte de Europa participarán a vindeira semana no congreso viquingo organizado polo Concello de Catoira coa colaboración do Xeodestino Mar de Santiago e de Turismo de Galicia. Trátase da asemblea anual da Asociación DVA Follow the Vikings, un camiño cultural europeo formado por máis de sesenta socios de dezaseis países que se uniron para desenvolver un destino turístico ao redor do mundo viquingo.

O encontro dará comezo o próximo xoves, coa celebración da asemblea e coas intervencións dentro dos seminarios científicos do arqueólogo Diego Piay, do profesor da USC Manuel Gago e do director da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ildefonso de la Campa. Ademais aproveitarase a visita internacional para presentar, da man de Melania Payán o Xeodestino Mar de Santiago. Finalmente, á última hora do día as asistentes realizarán unha visita guiada ao Centro de Activación Cultural Torres de Oeste (CACTO) e ás propias torres. O venres será a quenda das visitas de campo. Desde primeira hora os participantes visitarán os puntos máis relevantes dos concellos integrantes de Mar de Santiago: Pontecesures e Vilanova de Arousa. Así terán oportunidade de coñecer San Xulián de Requeixo, O Mercado da Lamprea, e O Terrón. A xornada pecharase cunha visita a Pontevedra.

O Congreso preséntase como unha grande oportunidade de estreitar as relacións coas comunidades que comparten o impacto histórico dos pobos viquingos. Un encontro para intercambiar culturas e puntos de vista con grandes posibilidades económicas para o territorio.