Teatro Caracol rende homenaxe sobre as táboas a Olga González

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

CAMBADOS

Martina Miser

A compaña estreou onte «Buuu», a última peza escrita pola muller que durante 30 anos dirixiu esta aventura teatral

17 abr 2024 . Actualizado ás 14:33 h.

Hai momentos nos que a ausencia dun ser querido faise especialmente intensa. Probablemente, onte pola tarde esa gran familia que é Teatro Caracol notou con forza a falta de Olga González Vilas, a muller que durante trinta anos levou a batuta en cada representación soñada para a rapazada de Cambados e toda a comarca. Olga faleceu hai algo máis dun mes, pero ninguén quixo que a súa marcha pechase ese teatro de ilusións. Así que, tal e como ela quixese, onte estreouse no escenario do instituto Francisco Asorey, de Cambados, Buuu, a peza que escribira para facer que o mozo público de teatro Caracol vivise unha experiencia de medo no patio de butacas. Sobre o escenario, un elenco formado por 16 actores contarán as aventuras dun mago e dun ladrón nun contexto contemporáneo. Como sempre, a música estará moi presente na montaxe.

Todos os integrantes de Caracol sabían que a de onte non ía ser unha función doado: antes de que se levantase o pano, a ausencia de Olga íase facer insoportablemente real. Pero, convencido todo o mundo de que a ela lle gustou que o espectáculo continuase, hai semanas que decidiron seguir adiante cunhas representacións que chegarán ao alumnado de dez centros de Cambados, Vilanova, Ribadumia ou Meaño, ademais dos pases para o público en xeral que se celebrarán este venres (20.00 horas) e este domingo (18.00 horas).

Onte foi a primeira desas representacións. En canto o pano abriuse e os actores e actrices atopáronse ante o seu público, o espírito de Olga chegou a todos lados a través da que é a súa obra número 31 para Caracol, o seu último agasallo á rapazada de Cambados.