O Día do Libro viviuse na rúa e nas bibliotecas

La Voz VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

En Cambados presentaron a publicación do 50 aniversario do instituto Cabanillas

24 abr 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

Que mellor que o 23 de abril para presentar un libro. Esa é a data elixida polo IES Ramón Cabanillas de Cambados para lanzar a publicación editada con motivo do 50 aniversario que se conmemorou o pasado ano no centro. Sae cunha tirada de 150 exemplares e presentouse nun acto na biblioteca do instituto que serviu de agradecemento a quen colaboraron no proxecto. De todo iso dáse conta nas páxinas dun libro no que, ademais, faise un repaso pola historia do centro, desde as súas orixes ata as reformas arquitectónicas e pedagóxicas de que foi obxecto.

Martina Miser

Noutra biblioteca de Cambados, na que leva o nome de Luis Rei, festexaron tamén o Día do Libro regalando unha biografía de Francisco Asorey adaptada para o público infantil, e as iniciativas deste tipo sucedéronse por toda a comarca.

Regalaron libros na biblioteca de Meis e a Mesa dás Verbas trasladouse á praza de Galicia de Vilagarcía, a poucos metros de onde se inauguraba a flamante biblioteca da rúa Castelao, para achegar a literatura á cidadanía.

Na biblioteca da Illa de Arousa serviron o seu primeiro cóctel de lecturas con letras, zumes e refrescos aos nenos do pobo mentres que o Centro Rural Agrupado de Meis (CRA) montou unha festa no campo da Boca de Paradela ao reclamo dun pícnic literario. Os alumnos de infantil de Vilanova tamén viviron unha mañá especial visitando a biblioteca municipal Irmáns Camba.

Martina Miser

O Día do Libro dá para moito máis en Arousa. Os alumnos do terceiro do CPI Mosteiro participaron nunha actividade intergeneracional léndolle 26 poemas aos usuarios do centro de día de Meis e a biblioteca deste municipio acolle esta tarde un taller para aprender a personalizar as cubertas dos libros de forma artesanal. Onte houbo, ademais, contacontos en Vilagarcía e o venres a cita está en Pontecesures, a propósito da presentación do libro Que miras? de Fernando Salgado, ás 20 horas na biblioteca municipal.