Teatro Caracol segue adiante sen Olga, agora cunha de medo

b. c. CAMBADOS / LA VOZ

AROUSA

La compañía en el escenario del instituto Asorey, en 2023
A compaña no escenario do instituto Asorey, en 2023 Martina Miser

A companía volve aos escenarios en Cambados a partir do día 16 con funcións para dez colexios e dous pases abertos a o público en xeral

16 abr 2024 . Actualizado ás 17:38 h.

A alma de Teatro Caracol, Olga González Vilas, xa non está, pero o seu legado continúa. «Sería unha mágoa que o cancro se levara a obra con ela», explica o seu fillo Matías Daporta, de modo que o texto que escribiu para o 2024 sairá ao escenario do instituto Francisco Asorey de Cambados tal e como ela quixese. Trátase de B UUUUUU, unha de medo na que se contan as aventuras dun mago e un ladrón nun contexto contemporáneo e, como sempre, coa música moi presente.

O elenco compono 16 actores e á fronte, na dirección, está Sara Laya, en substitución de Olga González que nos últimos meses xa non puido encargarse deste labor. Olga non chegou a tempo para presenciar a montaxe número 31 da súa compaña, pero a súa ausencia estará moi presente sen necesidade de celebrar ningunha homenaxe explícita. «Temos que falalo, pero penso que a función xa vai a estar moi cargada emocionalmente», sinala Matías, que se encarga agora das cuestións loxísticas da compaña cambadesa.

As representacións arrincarán o día 16, como sempre, con funcións dirixidas aos colexios —acudirán dez centros en total procedentes de Cambados e doutros municipios como Vilanova, Ribadumia e Meaño— e ofrecerase un dobre pase para o público en xeral que será o venres 19 ás 20 horas e o domingo 21 ás 18 horas; as entradas pódense recoller xa en Sansatur e Chinelas.

A partir de BUUUUU  a compaña afrontará novos retos. O máis inmediato pasa por crear unha bolsa a nome da asociación Teatro Caracol co fin de apoiar o traballo de novos directores que cubran o espazo que deixou baleiro Olga González e, de paso, promocionar aos artistas emerxentes e explorar novas vías de expresión no ámbito do teatro musical. Matías Daporta aínda ten que preparar todo o papelorio que requiren os trámites ante a Xunta e a Deputación de Pontevedra, pero agora o que toca é subirse ao escenario do instituto e gozar na butaca pasando un pouco de medo.