O estudo MardeFondo transfórmase para impartir talleres creativos

l. castro O Grove / LA VOZ

AROUSA

O espazo, que abre xa a súa oferta formativa, dótase dunha área de «coworking»

23 mares 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

A produtora audiovisual meca MardeFondo decidiu transformarse para acoller no seu espazo, situado en Montiño de Abaixo número 11, talleres de carácter artístico impartidos por profesionais dos máis diversos campos. Pretenden converterse nun espazo creativo de referencia nas Rías Baixas. Segundo explica Víctor Galego, responsable do estudo, nestes cursos os asistentes poderán «dar renda solta á súa imaxinación e crear os seus propios contidos audiovisuais, creativos e artísticos».

Ademais, o estudo dispón dunha zona coworking na que poderán coincidir con distintos profesionais. O primeiro curso que ofertan é un taller de fotografía, impartido por David Torrado, finalista en premios como The Nature Conservancy. Trátase dunha formación de 26 horas repartidas en seis días, cuxo prezo é de 200 euros. Será un taller con teoría e moita práctica para sacarlle o maior rendemento á cámara. O curso, que se impartirá en abril, dispón de doce prazas. Seguiranlle un taller de ilustración e debuxo, de 20 horas, e outro de acuarela contemporánea, de cinco, impartidos pola ilustradora Andrea Menéndez.

A información correspondente estará colgada proximamente na web www.estudiomardefondo.com, onde xa é posible anotarse ao taller de fotografía.