Os rapaces e a IA que puxeron a Bad Bunny a cantar os versos de Rosalía de Castro

Rosa Estévez
Rosa Estévez VILAGARCÍA / LA VOZ

AROUSA

Martina Miser

Utilizando a intelixencia artificial, dous alumnos do IES Castro Alobre vincularon a unha icona das letras galegas con artistas que triunfan hoxe en día entre a mocidade

23 feb 2024 . Actualizado ás 21:24 h.

Como bos nativos dixitais que son, Miguel Rodríguez e Hugo Costa non lle teñen medo á tecnoloxía. Pola contra, observan con curiosidade cada novidade que chega ao mercado, explorando con entusiasmo as súas posibilidades. Hai meses, por exemplo, comezaron a interesarse pola intelixencia artificial, por como funciona, por qué opcións dá. Así que cando a profesora de galego, Marisa Moreda, propuxo na súa aula o reto de «que fixesen un produto de divulgación da literatura galega utilizando a IA», a eles non lles levou moito tempo decidir que ían facer. «Vímolo claro dende o primeiro momento», contan. Durante as vacacións de Nadal traballaron a reo e, á volta, presentaron aos seus compañeiros unha alianza sorprendente: a voz de Bad Bunny cantando un poema de Rosalía de Castro.

A clase quedou asombrada. A profesora Marisa, tamén. «Houbo grupos que presentaron proxectos moi interesantes», conta a docente, pero a proposta de Hugo e Miguel chamou a atención máis que ningunha outra. Sen dubidalo, a docente propúxolles aos dous rapaces «que para o día de Rosalía fixesen outras cancións para publicar un EP». Como comprenderán, eles non o dubidaron. «Ao fin e ao cabo, era algo que xa estabamos facendo no noso tempo libre», relatan.

Así que, tras darlle moitas voltas, ler moitos poemas, probar moitos ritmos, teñen elaborado unha pequena constelación musical na que Rosalía canta Así mo pediron; Feid pon a súa voz en Por que me odias?; e Tiven un cravo corre por conta de Enrique Iglesias. Este mesmo poema preséntase, tamén, en versión rancheira, coa voz prestada por Walter Alejandro. A tarefa non foi sinxela. Na IA o galego apenas existe, e Hugo e Miguel tiveron que buscar poemas que, lidos pola máquina, puidesen sonar da forma debida. Lográrono.

A Miguel e Hugo gustaríalles que o seu traballo chegase aos oídos dos artistas que escolleron para estas particulares versións de Rosalía. Gustaríalles, din, porque «son algúns dos nosos cantantes favoritos». Deles, e de boa parte da súa xeración, polo que aspiran a que «a xente escoite o que fixemos e que rexurda Rosalía... A ver se o conseguimos». Se nesa campaña conseguisen que os artistas, os de carne e óso, se sumasen ao reto e cantasen as cancións que agora replicou no seu nome a intelixencia artificial, sería un soño cumprido.

O camiño acaba de empezar. Os vídeos das cinco pezas elixidas polos rapaces subíronse o mércores pola noite a Youtube, Soundcloud e Bandcamp, e pode accederse a eles tamén a través das redes sociais do servizo de normalización lingüística do Castro Alobre e de MHProduciendo, a «firma artística» destes novos creadores. Xa nas súas primeiras horas están a chamar a atención, ata o punto de que hai rapazada que utilizou as súas versións para facer tick-tocks, e algúns mestres de galego xa as teñen pedido prestadas para as súas clases.

A cousa marcha, empurrada por dous rapaces que tiveron que ler, e ler moito, a Rosalía, da que descubriron que é unha autora moi actual, que en versos como os de Por que me odias? expresa sentimentos que son de onte e de hoxe. «Rosalía ten unha obra moi ampla, aínda que as veces os docentes nos aferramos a Adeus ríos, que probablemente sexa unha poesía coa que a rapazada ten menos conexión», di a profesora, Marisa Moreda.

Ela non parece ser das que ten medo nin aos cambios, nin ás novidades. «Eu son das que penso que as novas tecnoloxías, ben usadas, son fantásticas. Dan opción a facer moitísimas cousas», di mentres os dous estudantes asenten coa cabeza. Eles e o seu traballo son un magnífico exemplo: utilizan a música que hoxe move o mundo para traer ao presente, á mocidade de hoxe, os versos da nosa Rosalía eterna.