Do xenocidio lingüístico

AROUSA

MONICA IRAGO

É precisa unha defensa radical a prol do uso do galego porque é cuestión que afecta á identidade, ao xeito de sermos e estarmos no mundo

18 feb 2024 . Actualizado ás 05:00 h.

En 1983 aprobouse por unanimidade a actual Lei de Normalización Lingüística que regula os dereitos lingüísticos e o emprego do galego no ensino, na Administración e nos medios de comunicación públicos. O Goberno central formulou recurso contra ela e o Tribunal Constitucional rebaixou o deber de coñecer o noso idioma, establecendo discriminación entre as dúas linguais oficiais. Despois chegou a creación da radio e televisión públicas que emiten en galego (as radios e televisións privadas non o fan). No 2004 o Parlamento, tamén por unanimidade, aprobou un Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. Na actualidade só o sector cultural de Galicia se desenvolve en galego, aínda que a literatura propia non aparece en andel preferente en ningunha librería. Os sectores remisos ao uso do galego seguen a ser as empresas privadas, a Administración Central, o poder financeiro, a Igrexa, as forzas e corpos de seguridade non sendo algunha Policía Local, o exército, a Xustiza, a boa sociedade e a xuventude. Como xa afirmou X. L. Regueira «vivir en Galicia en galego non é cómodo». E nas relacións coa Xustiza semella imposible, a pesar de que ata o Consello de Europa esixiu un cambio radical. O número de falantes e a intensidade do uso do galego esmorece acotío. Nesta campaña electoral, coa imperdoable ausencia de debates sobre cultura e patrimonio, os políticos, expresáronse en galego; exclúo os casos a monte. Trátase dunha conduta, quizá ritual, xa caracterizada como Discurso Política-Lingüísticamente Correcto. Non celebrar un debate específico sobre a situación do galego fixo que non chegase ao gran público que o noso idioma, o noso sinal de identidade, está en perigo. O poderío do castelán abafa o galego pola masiva presenza daquel en televisión, redes sociais, Internet, medios de comunicación, sociedade: calquera neno dominará esa lingua aínda que non reciba nin un segundo de ensino dela. A desaparición do galego en contacto co castelán como lingua dominante xa se produciu: por exemplo Bos Aires foi durante uns cincuenta anos a cidade do mundo coa maior cantidade de galegos. Eses centos de miles de emigrantes, de orixe rural, tiñan como lingua materna o galego pero xa marcharan de Galicia con ese idioma de seu estigmatizado. En chegando alá deixaron de falalo por identificalo co berce humilde e a pobreza, dos que fuxiran. Perdérono na segunda xeración. O contexto na Galicia actual é diferente do da Arxentina; ademais alá non existía un poder político obrigado á súa defensa. Pero hai circunstancias que aquí, hoxe, coinciden con aquelas, de maneira que poden provocar que a desaparición non vaia ser quizá tan acelerada, pero vese, por agora, imparable. Un exemplo menor: os nosos emigrantes, a diferenza dos doutras falas, non rotulaban os seus negocios en galego. En Galicia, agora, fano infinitamente poucos. E, sobre todo, aquí mantense a diglosia, cunha lingua dominante. É precisa unha defensa radical a prol do uso do galego porque é cuestión que afecta á identidade, ao xeito de sermos e estarmos no mundo. Lembremos, como explica a chamada hipótese Sapir-Whorf, que a lingua reflicte o ambiente físico e social dun grupo, modela o pensamento e configura a realidade social dos seus falantes. Permitir sermos absorbidos, colonizados, polo castelán suporá que se nos volva considerar ignorantes porque, sen dúbida, non seremos igual de sabios nunha lingua allea. Hai poucos días, nun concurso televisivo español un dos chamados Mozos de Arousa dixo que non sabía, supoño que polo nerviosismo, como se dicía faiado en castelán. A etimoloxía da palabra «idioma» está no grego -idios: propio, peculiar- e de aí tamén vén idiosincrasia. Goberne quen goberne, volvamos á unanimidade na lingua que nos define. Por nós, por cada un, porque fóra do noso idioma non existe identidade galega; e porque a desaparición do galego non sei se sería inmolación ou xenocidio. Porque se o pensamos ben que máis somos que un grupo que fala galego?