A soga

Miguel Gómez O ESCÁNER

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

05 may 2024 . Actualizado ás 00:58 h.

Esta noite non puiden ir ao pavillón. Uns amigos, Brandon e Philip, invitáronme a cear á súa casa. Aceptei coa condición de poder ver o partido na tele. Fun o primeiro invitado en chegar. A miña muller habíase escudado nun suposto gripazo para non vir e, no seu lugar, acompañoume a miña cuñada. Despois chegaron Albita Walker, directa desde o aeroporto, enfundada na bufanda do Obra e o profesor Cadel, este a bordo do seu flamante deportivo italiano. O último en chegar foi Nacho Lawrence (alongáraselle a sobremesa) un deses santiagueses que dedicaron media vida ao club e que o seguen sufrindo agora desde a bancada. Estabamos tomando unha empanada de xoubas de entrante cando empezou o partido. Fose pola tensión, fose pola horrible sensación de estar a cear amais dun cadáver, fose polo explosivo inicio de Harding se me atragantó e non fun capaz de seguir ceando. Custoulle ao Obra collerlle o ritmo ao partido, co segundo interior de Andorra caendo sempre para axudar fronte ás vantaxes de Artem, Marek ou Thomas. Ao 5-13 respondeu o Obra desde «a tolemia». Non sei, Rick, xogábase ao ritmo no que se debía de sentir máis cómodo Andorra, lanzados a lombos de Dotson, Howard e o rebote ofensivo. Pero, en fin, mellor, irse ao descanso (dúas veces) 11 arriba nun partido a 100 puntos, que 8 abaixo nun partido a 70.

O partido renovouse cunha canastra de Howard e outro triplo, o cuarto, de Timma . Hai ídolos acostumados a ter grandes noites e mortais, como eu, Raphael ou o Obra, que soñamos con ter unha gran noite. Os de Moncho, pelexados co aro todo o ano, víano hoxe como o Arco do Triunfo. Dotson meteu outro triplo e Lezkano levou as mans á cara, acordouse da nai do analista de datos e pediu tempo morto. A boa era que estabamos 21 arriba; a mala, que faltaban 15 minutos. A Harding uníuselle Montero e, a 6.30 para o final habíanse posto a oito puntos. A cabeza pedía calma, pero o estilo de xogo de Andorra invita á precipitación e o Obra precipitouse. Con todo, gustoulle.