Oportunidade, ilusión, posibilidade

Chiqui Barros LA ATALAYA

ANDAR MIUDIÑO

Paco Rodríguez

27 abr 2024 . Actualizado ás 22:08 h.

Aveces o máis doado resulta o máis difícil. Chega o Real Madrid, probablemente o mellor persoal e o mellor equipo de Europa, cun estilo definido e claro, con moitísimas opcións e posibilidades técnico tácticas, cun xogo, normalmente, de primerísimo nivel.

Despois do evidente, o doado, chega o que non o é tanto. Que dicir que non se saiba. Pois case nada. Estamos no día da marmota, porque xogar contra os de Chus Mateo métenos , a priori, nun permanente bucle no que sabes o que che vas atopar cada vez. O reto, como na extraordinaria película, está en tratar de rompelo e saír del.

Un róster pleno de calidade, físico, talento, experiencia e versatilidade. Capacidade para decidir como se xogan os partidos e levalos onde eles queren. Adaptabilidade ás situacións complicadas. Un ataque sinxelo e simple, o máis complexo de lograr, porque é privilexio dos bos, con múltiples matices e variantes. A importancia dos detalles. Unha defensa sólida, tanto pola súa estrutura como polas posibilidades que teñen a partir das características dos seus xogadores. Un xogo en movemento e de contraataque letal. Unha capacidade reboteadora demoledora. E, lóxico, poderíase pensar que están algo cansos, eufóricos, e que tiveron pouco tempo para preparar este partido tras o inicio da eliminatoria de Euroliga ante o Baskonia, na que puxeron xa un dous a cero que os coloca ás portas dunha nova final de catro. Pero están a xogarse o primeiro posto da ACB co Unicaja e iso non é unha cuestión menor. Seguro que van estar ao que hai que estar, o partido. E aí é onde hai que agarrarse: oportunidade, ilusión, posibilidade. Porque, ao final, con todo, estás nesta liga. E non hai partidos que non sexan da túa liga cando estás nela. Nunca. Sábeno moi ben no Obra. Sábeo e dio, sobradamente, o seu corpo técnico. Coñecen o que hai que facer para logralo. Preparárono ben, como sempre.

Agora trátase de que saia, que xa saíu noutras ocasións, xogando o mellor partido de baloncesto posible, buscando minimizar en todo o que se poida aos Chus Mateo. E, oxalá que así sexa, que iso leve a ter acerto, un bo día. Toda dificultade trae unha posibilidade. En cada desvantaxe hai que buscar unha vantaxe.