O Obradoiro claudicó ante un Real Madrid moi constante (79-69)

ANDAR MIUDIÑO

Eduardo Candel Reviejo

Os brancos controlaron e decantaron o partido no último cuarto

28 abr 2024 . Actualizado ás 14:41 h.

O Monbus Obradoiro ofreceu unha boa imaxe no WiZink Center, con Thomas Scrubb a un alto nivel, pero non lle abondou ante un Real Madrid moi serio: 79-69. Finalmente, Mendoza caeu da convocatoria polo proceso vírico que sufriu a finais de semana. Timma viaxou, pero non xogou. E Guerrero sumouse ás baixas no segundo cuarto, por un forte golpe no nariz ao taponar a Yabusele.

Antes de viaxar a Madrid había coincidencia nas apreciacións desde Sar. As opcións do Monbus Obradoiro pasaban por raiar a perfección e agardar un mal día do rival. Así o indicaba Blazevic. E Moncho Fernández lembraba un 4/26 en triplos dos brancos ante o Manresa.

Os santiagueses non entraron mal na contenda. Pero topáronse cun adversario en estado de graza que foi un vendaval no primeiro cuarto. Cravou seis triplos sobre oito intentos, por 1/7 os visitantes.

Neses dez minutos o parcial foi 28-20 porque o Obra traballou ben no rebote de ataque. O problema tíñao atrás, pola case infalibilidade merengue desde detrás do arco. E Causeur, un secundario sempre preparado cando o chaman a filas, facía dano coas súas penetracións. Visto o visto, non era un mal parcial, a pesar de todo.

O guion do segundo cuarto foi moi distinto. As substitucións de Chus Mateo non renderon ao mesmo nivel e o Real Madrid atascouse. Tardou máis de cinco minutos en ver aro e o Obradoiro conseguiu igualar a contenda cara ao minuto quince. Guerrero , que estaba a dar consistencia atrás, tivo que irse o banco tras recibir unha cotenada nun gran tapón que lle puxo a Yabusele. O francés protexeuse e os árbitros, tras revisar, entenderon que era unha acción natural, xa que o francés non soltara o brazo.

O partido entrou nunha fase de tiróns. Despois de case seis minutos en branco, os locais contestaron cun parcial 8-0. E os visitantes contrarrestaron cun triplo de Howard e outro de Scrubb para irse un abaixo ao intermedio: 38-37.

Chus Mateo encarou a segunda metade cun cinco de pesos pesados: Campazzo, Causeur, Mussa, Hezonja e Tavares. Non quería sorpresas.

O Obradoiro contestou con apromo e aproveitando varios erros do rival no tiro libre, xogando con moita paciencia, conseguiu pórse seis arriba: 41-47, a pesar de que Tavares facía dano no rebote ofensivo. Aí empezou a cambiar o partido. Escapáronselle tres ataque seguidos por uns pasos de Howard, unha precipitación de Pustovyi e unha canastra que se lle saíu a Howard. O Real Madrid subiu o nivel atrás e entrou no último cuarto con cinco puntos de renda: 61-56.

Ata aí chegou a resistencia do Obra, que se foi quedando sen argumentos en ataque.

O último cuarto foi claramente branco, con mención especial para Tavares nunha dobre dirección: dominou o rebote ofensivo e, se lle pitasen a Pustovyi esta tempada coa mesma finura á hora de absorber contactos, levaría un carro de persoais máis e uns cantos tiros libres máis.

En calquera caso, a arbitraxe non foi determinante. O Real Madrid sacou o seu lado máis serio, non regalou nada e mandou no tramo decisivo.

Ficha técnica

Real Madrid 79: Campazzo (8), Causeur (12), Musa (13), Ndiaye (5) e Tavares (10) -cinco inicial-. Rudy Fernández, Abalde, Hezonja (4), Alocén, Poirier (9), Llull (7) e Yabusele (11).

Monbus Obradoiro 69: Dotson (6), Howard (7), Scrubb (25), Blazevic (9) e Pustovyi (11) -cinco inicial-. Zurbriggen (9), Guerrero , Álex Suárez, Strelnieks (2) e Harguindey.

Parciais en cada cuarto: 28-20, 10-17, 23-19 e 18-13.

Árbitros: Juan Carlos García González, Alberto Sánchez e Yasmina Alcaraz.

Incidencias: WiZink Center. Trixésimo primeira xornada da Liga Endesa