Moncho Fernández destaca a fiabilidade do Real Madrid nos primeiros e nos últimos segundos da posesión

M. G. R.

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

O adestrador do Obradoiro recoñece que as opcións de vitoria pasan por asinar un partido perfecto e que o conxunto branco non teña o seu mellor día

26 abr 2024 . Actualizado ás 19:35 h.

O Monbus Obradoiro enfrontarase este domingo a un dos equipos máis potentes de Europa, un Real Madrid que esta semana encarrilou a súa clasificación para a fase final da Euroliga con dúas solventes vitorias na súa eliminatoria co Baskonia. É un dato que non pasa inadvertido a Moncho Fernández, quen ao referirse ao equipo branco subliña que «está nun momento de forma fantástico», listo para afrontar o tramo decisivo da tempada.

O Alquimista de Pontepedriña precisou, no entanto, que «son batibles», lembrando que o Manresa fora capaz de vencer no WiZink Center. E albisca cal ten que ser o camiño: «Para gañarlle ao Real Madrid hai que facelo todo ben, diante e detrás. Evitar perdas de balón, porque che castigan moitísimo. Estar moi ben no rebote, pola potencia que eles teñen, e no balance defensivo. E fará falta un punto de brillantez, ser capaces de anotar nos tiros abertos. Hai que estar moi ben en todos os aspectos do xogo». Resaltou, ademais, que o rival «é dos mellores nos primeiros segundos e o mellor nos últimos segundos da posesión».

Insistiu nunha parte da ecuación centrada no Monbus Obradoiro: «Non hai que facer agasallos. E hai que estar brillante no aspecto ofensivo». E, se se cumpre esa premisa, aínda haberá que agardar que «eles» non teñan un bo día.

Volveu ao exemplo da derrota branca co Manresa: «Creo que fan 4/26 en tiros de tres, que non é habitual».