O básico

Miguel Gómez A Dos BANDAS

ANDAR MIUDIÑO

XOAN A. ADOITAR

24 mares 2024 . Actualizado ás 00:45 h.

Dicía Moncho na previa que o partido se definiría nos básicos: rebote, perdas de balón e control da inquedanza. Habería que engadir outro básico, Artem, e agardar ao factor descoñecido. De Artem encargouse Sakho primeiro, Juan Fernández despois. Apenas sacou un par de faltas e un palmeo en sete minutos e o primeiro cuarto definiuse polo acerto exterior local: 25-14.

O segundo cuarto foi moito máis trabado. Gañouno o Obra 16-13 grazas a bos momentos de Mendoza, Timma e ao mellor Blazevic da tempada. O Obradoiro reboteaba un pouco máis e tiraba mellor que o Breo, que se foi ao descanso cun paupérrimo 9/32 en tiros de campo.

No terceiro cuarto chegaron os triplos de Nakic e Momirov. O Obra agarrouse aos puntos de Mendoza e Timma para que o dano fose menor: 21-23.

Un par de descoidos do Breo permitiron ao Obra pór o 68-50 no arranque do último cuarto. O descoñecido, Robinson, botouse ao equipo ás costas. O Breo púxose a cinco puntos, pero o Obra agarrouse aos básicos, á dirección de Strelnieks e a Artem. Un sabio díxome onte: ao Breo gañámoslle fixo, preocúpanme os seguintes oito partidos.