Orde e entropía en Sar

Manuel García Reigosa
M. G. Reigosa O PERISCOPIO

ANDAR MIUDIÑO

Sandra Alonso

20 mares 2024 . Actualizado ás 19:47 h.

O deporte é imprevisible. E o Obradoiro é, tradicionalmente, un club ao que lle gusta desafiar a lóxica. Se algunha vez alguén o toma como exemplo para estudar canto hai de entropía ao seu redor, canto de orde e de que xeito inflúen esas dúas forzas nos resultados, corre o risco de caer na tolemia. Con frecuencia dálle por transitar polos camiños máis difíciles e atopar as saídas máis insospeitadas. E esta tempada estalle tocando dobrar a aposta.

Non se se é o exemplo máis adecuado. Pero imaxine o lector un grupo de quince persoas aliñadas en tres filas de cinco, separadas cada unha delas pola mesma distancia. Se se lles pide que dean un paso á fronte, o debuxo non cambia. Se se lles insta a que dean un paso á dereita, tampouco. Pero se se lles di que dean un paso á fronte, cara atrás, ao carón ou ao outro, con liberdade para que cada un escolla a opción que queira, rompe a orde e crece a entropía. Cada un pode facer as interpretacións que estime oportunas acerca de cal é a fotografía nestes momentos e o obradoirismo coincidirá en que o máis importante é que recupere nitidez e equilibrio, deixando ao carón as reparticións de medallas e responsabilidades.

Escoitando as explicacións acerca da chegada de Devon Dotson ao Obradoiro, non cabe dúbida de que o proceso foi, cando menos, confuso e curioso. Tampouco a hai respecto ao esforzo económico e a boa intención, a que o club busca que os seus xogadores do primeiro persoal, contando ao lesionado Álvaro Muñoz e tras a chegada da última fichaxe, cada vez que dean un paso tendan a recompor un debuxo máis ordenado, paulatinamente.

Nese contexto inscríbese a chamada do presidente a concentrar esforzos en busca do título da permanencia, que se puxo moi caro. Non é tempo de perder enerxías dándolle voltas por que o equipo vese na tesitura na que está a estas alturas de tempada. As cualificacións, a crítica e a autocrítica poden agardar ata a conclusión do curso, porque aínda quedan exames para evitar o suspenso. Tempo haberá para a análise, calquera que sexan as notas finais. E se a chegada de Dotson axuda a recuperar o expediente, mel sobre hojuelas. Por certo, o da orde e a entropía non é privativo do equipo nin só aplicable aos que máis saen na foto.