O Obra encarará o derbi en postos de descenso tras a vitoria do Breogán en Barcelona

La Voz

ANDAR MIUDIÑO

Óscar Cela

Zaragoza, Bilbao e Xirona afástanse da zona baixa

17 mares 2024 . Actualizado ás 23:23 h.

A vitoria do Breogán en Barcelona cambia substancialmente o contexto do derbi que se disputará en Sar o sábado ás 20.45 horas. Con este resultado, o Monbus Obradoiro entra por vez primeira na tempada en postos de descenso, cun triunfo menos que os lucenses.

A loita por evitar as dúas últimas posicións simplificouse esta fin de semana, xa que os tres implicados na batalla que tiñan nove partidos gañados sumaron o décimo. É o caso do Bilbao Basket, que se impuxo ao Joventut con contundencia (92-71); o Xirona, que dobregou a un Valencia que perdeu por un problema muscular a Brandon Davies (92-88); e o Zaragoza, que sufriu para imporse ao pechacancelas Palencia (103-96).

Estes tres equipos abren unha fenda que parece definitiva. Con oito vitoria queda o Andorra despois de caer no seu feudo co Tenerife (66-79). Con sete sitúase o Granada, que perdeu en Vitoria ante o Baskonia (104-88), e dálle caza o Breogán. O Obradoiro suma seis encontros gañados e o Palencia pecha a clasificación con cinco.

A próxima fin de semana, ademais do derbi, xogaranse os seguintes partidos con presenza dos implicados na loita pola permanencia: Selecta-Unicaja de Málaga, Xirona-Manresa e Andorra-Zaragoza, o sábado. E o domingo, Palencia-Real Madrid e Bilbao-Baskonia.

Catro tres nos derbis

Esta é a cuarta tempada na que o Obradoiro e o Breogán coinciden na ACB. Ata a data, se han enfrontando en sete ocasiones e o balance é favorable aos lucenses, que gañaron catro duelos, por tres dos santiagueses.

A primeira vez que mediron forzas foi no Pazo no 2018. Gañaron os anfitrións, 69-56. No partido de volta, en Sar, o resultado foi favorable ao conxunto de Moncho Fernández por un axustado 75-73. Decidiu unha canastra do internacional alemán Andy Obst.

Na campaña 21/22 volveron repartirse os triunfos: 100-83 en Sar e 80-78 en Lugo. O pasado exercicio o Breogán levou os dous partidos: 64-59 no seu feudo e 67-74 en Sar.

Este curso, na primeira volta o Obradoiro conseguiu o seu primeiro triunfo na ACB a beiras do Miño, nun duelo emocionante ata o último segundo resolto cun apertado 88-90 no marcador.