O Sofán aproveita os erros dun Ribadeo que perdeu as súas forzas (1-4)

La Voz RIBADEO / LA VOZ

A MariÑA

Xaime Ramallal

Criss abriu o marcador pronto, pero os mariñáns acabaron goleados

24 mares 2024 . Actualizado ás 22:14 h.

O Ribadeo volve ás andadas e segue sen dar un paso á fronte para asegurar pronto a súa permanencia na Preferente Norte. Ante un Sofán que si logra consolidarse na zona cómoda da táboa, comezou de forma inmellorable, pero rematou afundido e goleado tras ofrecer demasiadas facilidades a un inimigo máis concentrado e certeiro.

Poucos no Pepe Barreira intuíron ese desenlace co prometedor inicio dos pupilos de Pichi. Aos tres minutos, Criss aproveitou cun sutil toque no primeiro pau unha chegada de Asier pola banda e adiantou aos locais. O propio Asier e Álex Meitín dispuxeron tamén de boas oportunidades nunha competitiva primeira metade do Ribadeo.

Pero un erro grave na marcaxe dun córner impulsou ao Sofán preto da media hora de xogo. Javi Souto rematou con demasiada facilidade e a pouca altura, co pé, un córner servido á pota.

Na continuación, o Sofán soubo aproveitar as facilidades dun equipo que quedou sen forzas, lastrado polas súas baixas e pouca confianza. A recta final foi un monólogo dos visitantes ante un cadro mariñán sen capacidade de reacción. Montero consumou a remontada tras recoller na frontal un mal despexe e ajusticiar a Carreira cun bo golpeo e xusto despois Martín Pereira aproveitou un servizo desde a banda para sentenciar o partido nunha acción onde os ribadenses reclamaron con insistencia fóra de xogo. Xa nas postrimerías, Brais Cancela aproveitou outro centro lateral para completar a goleada.

É a cuarta xornada consecutiva sen gañar dun Ribadeo que encaixou dez tantos nese tempo e segue con cinco puntos de renda sobre o descenso.

RIBADEO FC, 1: Carreira; Isma, Diego Ferreiro, Xairo, Santi, Álex Meitín (Diego Polo, min 87), Iván Rodríguez (Xaime, min 71), Vicente, Asier, Criss (Ayoub, min 87) e Simón.

SD SOFÁN, 4: Brais Gómez; Noé, Becerra, Raúl, Fita (Luca Artemio, min 75), Fabián, Dani Pena (Montero, min 65), Currás, Javi Souto (Brais Cancela, min 75), Martín Pereira (Marcial, min 87) e Braian. 

GOLES: 1-0, min 3: Criss. 1-1, min 25: Javi Souto. 1-2, min 75: Montero. 1-3, min 79: Martín Pereira. 1-4, min 85: Brais Cancela.

ÁRBITRO: Arredondas Fernández (Vigo). Amoestou aos xogadores locais Iván Rodríguez, Diego Ferreiro e Isma.

INCIDENCIAS: Pepe Barreira.