Pulso en San Cibrao entre os dous mellores da segunda volta

La Voz CERVO / LA VOZ

A MariÑA

XAIME RAMALLAL

O equipo local, xa salvado, recibe a un Residencia ascendido desde hai semanas e que vén de sentenciar o título no grupo lucense de Primeira Autonómica

29 abr 2017 . Actualizado ás 05:00 h.

A antepenúltima xornada no grupo lucense de Primeira Autonómica arrinca cun partido na Veiga (18 horas) orfo de transcendencia, pero ben cargado doutros alicientes. Sobre a herba artificial do estadio de San Cibrao compiten os dous mellores equipos da segunda volta: o San Ciprián, que acumulou 9 vitorias, 4 empates e só unha derrota nos catorce últimos partidos, e coa permanencia xa no peto; e a Residencia (11 triunfos, 1 empate e 2 derrotas), que festexou o ascenso a Preferente hai semanas e vén de sentenciar o título.

«Despois de tanto tempo de sufrimento e traballando arreo, agora toca gozar. Iso si, sen relaxarse e tratando de manter a mesma liña que nos levou ata a permanencia», indicou Chusky, o preparador dun San Ciprián que gañou os seus catro últimos partidos e que presentará novidades na aliñación. Chiqui, Carra e o gardameta Madariaga causarán baixa por motivos persoais, mentres que Antón e Abel non aparecen na convocatoria por problemas físicos. Giovani e Fabián están de volta e apuntan á titularidade ante o vixente campión.