Un tren rexional arroia un tractor en Pontevedra

Alfredo López Penide
López Penide PONTEVEDRA

GALICIA

RAMÓN LEIRO

O accidente provocou atrasos noutros tres convois O condutor do vehículo sufriu unha fractura de meñique e foi trasladado a un centro sanitario

10 sep 2002 . Actualizado ás 07:00 h.

Un tren rexional que cubría o traxecto entre A Coruña e Vigo arroiou onte pola tarde en Figueirido (Vilaboa) a un tractor que se precipitou sobre os raíles desde unha estrada paralela. O accidente provocou retencións de ata unha hora noutros convois. Sobre a seis e dez da tarde, á altura do punto quilométrico 14.4, un tractor que transportaba material de construción pola EP-0105, unha pista que transcorre paralela aos raíles, envorcou sobre as vías do ferrocarril por causas que se descoñecen. Minutos despois, un tren arroiaba o vehículo, cuxo condutor conseguira saltar antes de que o tractor se precipitase sobre as vías. O home, J.?A.?A.?E., de 30 anos, foi trasladado a un centro sanitario de Pontevedra, onde ingresou con feridas leves. Unicamente tiña unha rotura do dedo meñique dunha man. Pola súa banda, o convoi proseguiu o seu camiño con importantes desfeitas, pero sen rexistrarse danos persoais entre os pasaxeiros, e chegou á cidade olívica con 25 minutos de atraso. Neste sentido, responsables de Renfe sinalaron que o accidente afectara a outros tres trens, dous TRD e un Costa de Galicia que cubría o traxecto entre Vigo e A Coruña, dado que se trata dunha única vía para os dous sentidos de marcha. Nos dous primeiros casos realizáronse transbordos por estrada entre Pontevedra e Vigo, mentres que o Costa de Galicia puido iniciar a marcha cunha hora de atraso. Ás oito e cuarto da tarde, segundo indicaron desde a compaña estatal de transporte, o tráfico ferroviario foi restablecido con normalidade, aínda que se limitou a velocidade de circulación no tramo onde ocorrera o accidente, pois aínda quedaban restos do sinistro.