En directo: Rali San Froilán

P. G. Cundíns

DEPORTES

Alberto Meira gaña o rali, con Jorge Pérez e Adrián Díaz acompañándolle no podio

23 oct 2021 . Actualizado ás 23:10 h.

Quen se pensaba que unha vez que Víctor Senra se adxudicou o Campionato Galego de ralis a emoción no certame autonómico rematouse, non cabe de dúbida de que estaba errado por completo.

O rali San Froilán, penúltima cita do calendario, ofreceu onte un espectáculo que quedará para o recordo. Os protagonistas: Alberto Meira, Jorge Pérez e Adrián Díaz. Finalmente, a vitoria caeu ao lado do piloto de Vincios, pero a escasa marxe no que se moveron os tres aspirantes fixo que cada un dos tramos vivísese coma se fose o último.

Arrincou o día dominando Meira en Outeiro de Rei, aínda que con menos dun segundo de vantaxe sobre Paco Dourado. Friol foi o escenario da irrupción de Adrián Díaz que, con todo non puido arrebatarlle o liderado a Meira. Na segunda pasada por Outeiro de Rei entraron en escena Luis Vilariño e Paco Dourado, enviando a Meira á terceira posición do tramo, pero nin con esas puideron desbancalo da primeira praza do San Froilán.

Xa na segunda de Friol o rali comezou a tomar o cariz que lle definiría ata o final, cun Meira dominante, e Jorge Pérez e Adrián Díaz pelexando cada décima para complicarlle as cousas ao líder. Paco Dourado e Pérez asinaron os dous seguintes scratches (O Corgo), pero Alberto Meira soubo xestionar a súa vantaxe ata a conclusión para facerse cunha das probas máis emocionantes e intensas de todo do calendario.

As copas, resoltas

A falta do rali Ribeira-Ría de Arousa, que se celebrará o 12 e 13 de novembro, as copas de promoción quedaron resoltas na cita lucense.

Así, Jorge Koke Garnelo fíxose co Campionato Galego da Top Ten Pirelli B e Dani Álvarez coa Pirelli AMF MS. Xa na anterior cita do autonómico, o rali Ourense-Ribeira Sacra, quedaron sentenciadas a Copa Top Ten A (que foi para o vencedor absoluto do certame galaico, Víctor Senra) e o Volante FGA, que foi engrosar o palmarés de Pablo Blanco .

Para rematar, Tinín Iglesias necesitaba facer un cuarto posto para levar a Top Ten Pirelli C e esa foi a posición na que pechou a súa participación.

CLASIFICACIÓN

Equipo Tempo

1. A. Meira / E. Salgueiro 1h07:33.530

2. J. Pérez / A. Martínez a 13.937

3. A. Díaz / M. González a 22.306

4. F. Dourado / R. Torrente a 51.155

5. C. Iglesias / V. Maquieira a 4:43.769

6. K. Garnelo / A. Vaqueiro a 4:57.794

7. C. Gonzalvez / M. Pena a 6:10.366

8. A. Fernández / A. González a 6:13.704

9. R. López / D. Outón a 7:23.472

10. F. Rico / S. Martínez a 7:42.833

11. J. M. Lamela / D. Pérez a 9:37.309

Declaracións
Alberto Meira, contento co seu coche, vai polo título do 2022
Tramo E2 - Láncara
Jorge Pérez gaña outra vez, pero Meira leva o San Froilán

Finalmente, o piloto de Vincios puido soportar a presión do de Salceda de Caselas e adxudicouse o rali San Froilán.

Tramo D2 Goian (Sarria)
Jorge Pérez róuballe o scratch a Meira

O piloto de Salceda de Caselas foi o máis rápido do penúltimo tramo, o primeiro nocturno por completo, por apenas 0.760 segundos. Alberto Meira segue liderando o rali San Froilán, con 16.796 segundos de vantaxe.

Copas
Dani Álvarez tambiñen xa é campión da Pirelli AMF

Unha avaría na caixa de cambios obrigou a abandonar a Guillermo Vilavedra, o que converte a Dani Álvarez campión da Copa Pirelli AMF a falta dun rali.

Copas
Jorge Garnelo, campión galego da Top Ten Pirelli B

Os resultados no San Froilán favoreceron ao piloto Jorge Garnelo, que xa pode presumir de ser o novo campión galego da Copa Top Ten Pirelli B, mesmo antes de que acabe a proba de hoxe.

Álbum
Máis imaxes dos tramos
Láncara
Golpe de autoridade de Alberto Meira antes da noite

O líder do rali San Froilán ampliou a vantaxe sobre Adrián Díaz ata os 14.187 segundos. Ollo, que Jorge Pérez podería asaltar a segunda praza, xa que apenas se atopa a 3.369 de Adrián Díaz.

Quedan por percorrer as segundas pasadas, nocturnas, nos tramos de Goián (21.06 horas) e Láncara (21.34 horas).

Tramo E1
Láncara agarda aos pilotos

A pugna polas copas é enconada neste emocionante rali San Froilán.

Goián (Sarria)
Alberto Meira amplía a súa vantaxe sobre Adrián Díaz

O piloto de Vincios afiánzase na primeira praza a falta de tres tramos. Meira sácalle agora 3.642 a Adrián Díaz e 13.106 a Jorge Pérez.

Tramo D1
O cronometrado de Goián (Sarria), a piques de comezar

Podería desprazar Adrián Díaz da primeira praza provisional da xeral a Alberto Meira? Pronto o saberemos. Jorge Pérez permanece á espreita, para aproveitar un erro de calquera dos dous pilotos que van na cabeza.

Álbum
As mellores imaxes do tramo de Friol
Resiste Alberto Meira
Scratch para Jorge Pérez Olveira, resiste Meira.

Tremendo este rali que parece que nos vai deparar emoción ata o último trama. O scratch foi para Jorge Pérez Olveira e Avelino Martínez a bordo do seu Skoda Fabia. O terceiro mellor tempo asinounos o líder da proba, Alberto Meira, co segundo clasificado, Adrián Díaz, sendo só dúas centésimas máis lento. Meira mantense primeiro na xeral a menos de medio segundo de Díaz (+0.412). Espectacular. Nunha hora, un novo tramo con saída desde Sarria para tratar de decantar esta espectacular loita. 

Arrinca o tramo de Corgo
Renóvase a competición no rali de San Froilán

Comeza o sexto tramo do día. Nova pasada por Corgo para completar os 12 quilómetros de percorrido cronometrado. Moi atentos aos tempos de Meira e Adrián Díaz, primeiro e segundo respectivamente, está a competición nun puño. Pouco máis dunha décima de segundo entre ambos. 

Descanso
A carreira chega ao seu ecuador con máxima igualdade na cabeza
ALBERTO LÓPEZ

Tempo para o repouso. Despois de cinco intensos e emocionantes tramos, con dobres pasadas por Outeirode Rei e Friol e un último no Corgo, a carreira interrómpese ata as 16.17 horas, cando volverán ruxir os motores polo Corgo. O máis fiable ata o momento está a ser Alberto Meira, que estrea o seu Skoda Fabia R5 e asinou dous «scratch» que lle permiten ocupar o liderado da clasificación, aínda que cunha estreita vantaxe sobre Adrián Díaz,que gañou unha das mangas. Paco Dourado,Jorge Pérez e Luis Vilariño foron os outras gañadores do bloque matinal. Por diante, cinco tramos máis para decidir o campión.

CLASIFICACIÓN XERAL

1.- Alberto Meira..........32:06.841

2.- Adrián Díaz..........+0.172

3.- Jorge Pérez..........+14.636

4.- Paco Dourado..........+25.522

5.- Luis Vilariño..........+53.628

Quinto tramo
Por fin estréase Paco Dourado

A última manga matinal disputouse no Corgo sobre un percorrido de 10 quilómetros e deixou un novo gañador. O lucense Paco Dourado voou sobre o asfalto co seu Volkswagen Polo GTI para reivindicarse e recuperar parte das opcións de vitoria que dilapidara no tramo anterior. Avantaxou en case 10 segundos a Jorge Pérez, que concluíu segundo, e en máis de10 a Adrián Pérez. Alberto Meira, o líder provisional, presentou o cuarto mellor tempo.

1.-Paco Dourado......... 6:53.489

2.- Jorge Pérez..........+9.752

3.- Adrián Díaz..........+10.519

4.- Alberto Meira..........+14.191

5.- Luis Vilariño..........+29.494

Galería
Colección de fotos da proba
Clasificación provisional
Jorge Pérez escala ata o podio

A falta dun último tramo da sesión matinal, na clasifición xeral destaca a exigua diferenza entre os dous primeiros, Alberto Meira e Adrián Díaz,e a caída de Paco Dourado, un dos grandes favoritos, que agora ocupa a quinta praza e sofre unha considerable desvantaxe sobre a cabeza. O piloto lucense perdeu máis de medio minuto na segunda pasada por Friol e as súas opcións de vitoria víronse moi reducidas. Ao terceiro chanzo da táboa ascendeu o piloto de Salceda de Caselas´Jorge Pérez. Así queda a clasificación xeral despois de catro mangas:

1.- Alberto Meira..........24:59.161

2.- Adrián Díaz..........+3.844

3.- Jorge Pérez..........+19.075

4.- Luis Vilariño..........+38.325

5.- Paco Dourado..........+39.713

Cuarto tramo
Alberto Meira, máis líder co seu segundo «scratch»

Parece que o novo Skoda Fabia R5 de Alberto Meira vai como un tiro. O piloto de Gondomar adxudicouse o segundo «scratch» do día e reforza o seu liderado na clasificación xeral, na que Jorge Pérez ascende ata o terceiro posto coa segunda praza na nova pasado polo tramo de Friol, de 10,8 quilómetros. Así quedou o top-5 do cuarto tramo:

1.- Alberto Meira..........5:27.529

2.- Jorge Pérez..........+1.723

3.- Adrián Díaz..........+1.935

4.- Luis Vilariño..........+3.154

5.- Celestino Iglesias ..........+23.078 

Terceiro tramo
Luis Vilariño foi o máis rápido

A segunda pasada polo tramo de Outeiro de Rei deixou un novo gañador. Luis Vilariño logrou a súa primeira vitoria, aínda que o piloto de Palas de Rei segue lonxe dos primeiros postos da clasificación xeral. Estes foron os mellores na terceira manga:

1.-Luis Vilariño.........6:35.072

2.-Francisco Dourado..........+1.056

3.-Alberto Meira..........+2.383

4.-Adrián Diaz..........+3.232

5.- Jorge Pérez..........+6.670

A punto
Todo listo para a segunda pasada por Outeiro de Rei

Tras o primeiro paso polo parque de traballo para axustar os vehículos, nuns minutos renovarase esta nova edición dun Rali San Froilán no que a Escuadra Miño rende tributo a Carlos Íñiguez, falecido fai uns días. Íñiguez foi un dos fundadores da entidade lucense e «alma máter» da carreira. A este terceiro tramo que discorre, como o primeiro, por Outeiro de Rei chégase con Alberto Meira a cargo de a clasicación xeral con só un segundo de vantaxe sobre Adrián Díaz. Haberá cambios? En breve saberémolo

Galería
Álbum de fotos dos dous primeiros tramos, en Outeiro de Rei e Friol
Clasificación xeral
Alberto Meira, á fronte tras dúas mangas

Primeiro respiro para os máis de 100 pilotos participantes. A actividade interrómpese ata as 11.42, a hora establecida para o inicio da segunda pasada polo tramo de Outeiro de Rei, de 12,3 quilómetros. As dúas primeiras mangas confirmaron as sospeitas. Sen Víctor Senra, xa proclamado campión galego, a loita pola vitoria está máis aberta e parece que haberá que agardar ata o último momento para coñecer o nome do gañador. Alberto Meira lidera momentaneamente a carreira grazas ao seu triunfo na primeira manga. Séguelle moi de preto Adrián Pérez e Paco Dourado completa o podio provisional.

CLASIFICACIÓN XERAL

1.- Alberto Meira..........12:54.177

2.- Adrián Díaz..........+1.060

3.- Francisco Dourado..........+5.405

4.- Jorge Pérez..........+13.065

5.- Diego Vila..........+26.704

Segundo tramo
«Scratch» do lucense Adrián Pérez en Friol

O lucense Adrián Pérez, da Escuadra Miño, foi o máis rápido no tramo de Friol, cunha extensión de case 11 quilómetros (10,8). A súa vitoria foi inapelable, posto que superou en máis de cinco segundos a Alberto  Meira, quen, a pesar de todo, segue a cargo de a clasificación despois de dúas mangas. Estes foron os mellores na primeira pasada por Friol:

1.-Adrián Díaz.......... 5:44.040

2.- Alberto Meira..........+5.682

3.- Jorge Pérez..........+10.837

4.- Francisco Dourado..........+11.015

5.- Luis Vilariño..........+18.207

Primeiro tramo
Alberto Meira gaña a primeira manga

O piloto de Gondomar, a bordo do seu flamante Skoda Fabia R5, é o primeiro líder da competición. Marcou o mellor tempo na primeira pasada polo tramo de Outeiro de Rei, aínda de noite, que consta de 12,3 quilómetros e ao que os pilotos volverán pouco antes do mediodía. A menos dun segundo do gañador quedou o lucense Paco Dourado, outro dos principais candidatos á vitoria en ausencia de Víctor Senra, do mesmo xeito que Adrián Díaz, que foi terceiro. Así quedou a clasificación da primeira manga:

1.- Alberto Meira........... 7:04.455

2.- Paco Dourado.......... +0.072

3.- Adrián Díaz..........+6.670

4.- Jorge Pérez..........+7.910

5.- Koke Garnerlo..........+11.573

Inicio
Repasa en imaxes a cerimonia de saída

A Praza Maior de Lugo encheuse de afeccionados e de coches onte á noite, na cerimonia de saída do rali. Podes ver no seguinte álbum a imaxes desa primeira xornada.

Previa
Menos de 15 minutos para o inicio da carreira

Dous minutos antes das 08.30 comezará en Outeiro de Rei a xornada central da 43.ª edición do Rali San Froilán, a penúltima proba do campionato galego e que serve de homenaxe a Carlos Íñiguez, ex presidente da Escuadra Miño e un dos impulsores desta competición que discorre polas estradas do rural de Lugo. falecido fai uns días. Aquí deixámosvos as impresións de Maite Vilanova, presidenta da entidade lucense e do comité organizador.

A 43.ª edición do Rali San Froilán, penúltima cita do campionato galego, comeza oficialmente este venres coas verificacións técnicas no Hotel Fórum do Ceo entre as 12 do mediodía e as 15.30 horas. Xa pola tarde, ás sete e media, na Praza Maior levará a cabo a cerimonia de saída.

O acto central da proba queda para o sábado, cando se disputarán os dez tramos cronometrados que decidirán o campión. A xornada arrincará ás 8.28 horas. Os de Outeiro de Rei e Friol, ambos a dobre pasada, disputaranse pola mañá, xunto co do Corgo. Tras o descanso, xa pola tarde, repetirase a especial do Corgo para rematar cunha dobre pasada polos tramos de Goián, en Sarria, e Láncara.

A loita pola vitoria presúmese máis aberta que nunca pola ausencia de Víctor Senra, o gran dominador e xa campión galego. A grella de saída estará composta nesta ocasión por 104 coches.