Que se fai co aceite que depositamos para reciclar?

YES

ANGEL MANSO

Este proxecto sen ánimo de lucro da cooperativa serve tamén para promover a inserción sociolaboral de mulleres en situación de vulnerabilidade

28 ene 2023 . Actualizado ás 05:00 h.

Moitos aínda descoñecen os múltiples beneficios que achega o proxecto Abrandares Colleiteiras e o importante que é esta iniciativa dentro da loita contra o cambio climático. Só con explicar que por cada litro de aceite contamínase entre mil e 40.000 litros de auga xa é motivo suficiente para reformularse a forma de refugalo unha vez que se usou. Con esta premisa, entre outras, naceu na provincia coruñesa esta cooperativa sen ánimo de lucro co que reciclar de forma correcta o aceite usado e facer unha valorización intermedia para a posterior fabricación de biodiésel. «Encargámonos da recolección e limpeza dese aceite para que poida servir de materia prima. Dáselle unha nova vida», resalta Susana Pena Liaño, xerente da cooperativa. Ademais, a iniciativa está conformada por mulleres en situación de exclusión social e vulnerabilidade, polo que se contribúe tamén á normalización de actividades desenvolvidas pola poboación de forma irregular. «Así, estas persoas adáptanse ao sector formal a través do autoemprego e optimizan o seu rendemento», explica Susana.

DE USO DOMÉSTICO

Para que poidan desempeñar o seu labor é importante ter en conta que este aceite sempre debe ser de uso doméstico, e ten que levar ao momento de recollida (os colectores laranxas) nunha botella de plástico transparente. O mellor para levar a cabo este labor é agardar a que o aceite estea frío e facer o traspaso cun embude. No 2022 recolleron un total de 211.654 litros desta materia. Son 8.000 litros menos que o ano previo.

Este descenso débese aos roubos nos puntos públicos que levan denunciando desde hai tempo. No entanto, a xerente destaca que o ano pasado incrementouse a recolección nos puntos privados (a través da canle Horeca): 46.338 litros (15.669 máis que no 2021). «Por outra banda, a cifra do aceite valorizado aumentou grazas a que os procesos se han ir mellorando», precisa Susana. Desta forma, pasouse de darlle unha nova vida a 186.556 litros de aceite limpo no 2021 a recuperar no 2022 máis de 202.550 litros.

O proceso de valorización intermedio, explica, realízase por decantación da temperatura: «Nun depósito con base cónica de 1.500 litros o aceite usado acada unha temperatura de 50 graos e decántase durante 15 horas. Unha vez que pasa ese tempo, se para a auga do residuo orgánico. Na base do depósito hai unha billa polo que primeiro sae a auga e logo os lodos cos restos do residuo orgánico. O que queda no depósito é o aceite cun 97 ou 98 % de pureza, que almacenamos noutro recipiente de 14.000 litros.

Agora que superaron o limiar dos 200.000 litros valorizados proponse novos obxectivos a medio e longo prazo: «Queremos ter en Galicia dous ou tres plantas de valorización e unha planta de transformación do aceite en HVO (aceite vexetal hidrotratado). É un diésel que contamina ata un 90 % menos e destinaríase para uso local. Tamén nos propomos desenvolver un proxecto de uso directo do aceite valorizado para as instalacións de caldeiras de calefacción e facer o proxecto piloto nun centro educativo», avanza Susana.

Hai que levalo nunha botella de plástico transparente”