O exército de Rafa Centeo en Vialia

YES

Óscar Vázquez

No seu precioso local, situado en Vialia, traballan 34 persoas. «Os horarios están adaptados para que a xente poida conciliar e que descanse. Podiamos ser menos, pero os traballadores son fundamentais e queremos que estean contentos», di o chef

05 dic 2021 . Actualizado ás 01:44 h.

Comer só ten o seu encanto. Sempre é preferible estar acompañado, pero o non ter que compartir con ninguén a mesa permíteche estar máis pendente dos detalles. Por exemplo, da cantidade de persoal que traballa no novo local de Rafa Centeo na estación de tren de Vigo. «Somos 34 porque os horarios están adaptados para que a xente poida conciliar e que descanse o que teña que descansar. En moitos casos, con tres días libres en lugar de dous. Podiamos ser menos, pero os traballadores son fundamentais e queremos que estean contentos. E temos un horario moi amplo, desde primeira hora, que damos algún almorzo, ata a noite. O forte son as comidas, merendas e ceas. A fin de semana damos un pequeno brunch», analiza Rafa.

O local é precioso. Aínda que está nun centro comercial, que non é o espazo máis bonito do mundo, conta cunha gran cristaleira que dá cara á entrada principal de Vialia , e diferentes recunchos cunha decoración coidada que leva a firma do seu socio, Raúl Lamarca, herdeiro dunha saga de tapiceiros que hai anos centrouse no interiorismo e o deseño. Chega a hora de pedir algo rapidito para picar.

COMIDA SA NUN CENTRO COMERCIAL

O chef vigués con estrela Michelin levaba tempo coa idea na cabeza de montar un negocio vexetariano ou vegano no que primase a comida saudable. «É un restaurante verde, ou case. Temos unha carne e un peixe á brasa que imos variando», explica Rafa, que hai 21 anos abriu Maruja Limón e é un dos grandes referentes da cociña galega. Un home tímido ao que non lle facía demasiada graza pórlle o seu apelido ao establecemento. «Ademais de por a timidez, é que me parecía egocéntrico. Pero as persoas próximas tíñano moi claro, o meu apelido é un cereal e vaille ao xeito», confesa.

No universo Vialia hai as firmas de comida que, máis ou menos, pódesche atopar en calquera superficie comercial, pero Centeo é diferente. «A idea é que che tomes algo san e rico aínda que teñas présa para comer. E é unha aposta pola sustentabilidade», sentenza. E foi o que fixen. Aconsellado por un dos soldados do exército de Rafa decanteime por un poke. Levaba cuscús, quinoa, diferentes verduras ao dente, unha salsa agridoce, kale e algún ingrediente saudable máis. Engadinlle pito á brasa, aínda que existía a opción de tomalo con ovos ecolóxicos de galiñas de balneario. «Xa verás como non sentes pesadez no estómago pola tarde», díxome a camareira.

Un mes despois de abrir esta aposta sa no centro comercial, o balance é positivo. «Estamos a rodar. Somos un equipo moi grande e fai falta irnos coñecendo. O público está a responder. Veñen clientes que xa nos coñecen, pero tamén usuarios da estación. É máis alcanzable. Para todos os petos. A zona de tránsito é a máis informal, e na parte de mesas baixas ata facemos reservas. Somos un restaurante máis da cidade, pero na esquina da estación», explica Rafa, que non descarta volver abrir o Maruja Granuja que tanto éxito tivo en canto atopen un local que se adapte ás necesidades. En 15 minutos comín san nun centro comercial.