Alejandra Dotor, psicóloga: «Hai que lembrar que usar a máscara non é normal»

YES

A experta axuda a moitas persoas a retomar a vida despois da pandemia porque o medo segue sendo unha constante

21 oct 2021 . Actualizado ás 10:06 h.

A pandemia e o confinamento cambiaron os nosos costumes. Agora, coa volta á normalidade, pode ser difícil perder o medo ao contaxio ou abandonar novos hábitos como o uso constante da máscara.

—Como afecta a pandemia a nivel psicolóxico?

—Fomos testemuñas dunha situación inimaxinable para todos, poucas persoas sabían o que era unha pandemia porque é algo que non forma parte do que nos poida pasar no día a día. A nivel psicolóxico o que afecta é o medo, a incerteza, tivemos que aceptalo perdendo as rendas e o autocontrol, e a sensación de control é moi necesaria. Nalgúns casos isto púidose manifestar como agorafobia, illamento ou depresión.

 —Como recuperamos a normalidade?

—O tempo sempre é necesario para asimilar calquera cambio, vaia na dirección que vaia e considero que a estas alturas o sentido común vainos axudar a acadar esa normalidade desexada. En primeiro lugar temos que asimilar a situación que vivimos, na que tiñamos medo de padecer esa enfermidade que estaba a matar. Agora é un proceso e notamos os cambios aos poucos. Neste último mes xa hei visto que moita xente vai sen máscara ao aire libre, mantendo a distancia. Verlle a cara á xente é unha alegría e o que hai que facer é atender ás nosas necesidades e que sexa un proceso progresivo, cada un ten o seu.

 —Estamos recuperando o costume de dar abrazos ou dous bicos?

—Polo que estou a ver, recuperar o abrazo está a resultar máis doado que sacar a máscara. Hai que buscar o abrazo coas persoas máis próximas, empezando polos convivientes, e perderlle o medo. Despois, facelo coa xente fóra coa que teñamos esa confianza, aínda que o que non era afectivo antes da pandemia non vaino a ser agora.

—Que lle recomendas á xente que ten medo a sacar a máscara ao aire libre con distancia?

—Hai que empezar a lembrar que iso que nos tira das orellas non é normal. Partimos da base de que hai que sentir que somos seres sans. A persoa que non quere sacarse a máscara ao contacto con outras persoas é porque sente a enfermidade. Se che atopas ben e non tes síntomas de ningún tipo, volve permitirche respirar ao aire libre, gozar das cousas que facías antes, coas medidas básicas que agora son moi sinxelas. Se non tes síntomas, non che trates como un enfermo e utiliza o sentido común. Por exemplo, non ten sentido que a leves posta se estás só no coche. Hai que empezar con pasos pequenos, dar un paseo nun parque, nunha hora na que saibas que non hai moita xente...

—Hai medo a ser xulgado por non usala, aínda que estea permitido nalgúns contextos?

—Hai medo a ser xulgado e iso aféctanos moito á hora de tomar decisións, pero iso é a presión social que hai en todo. Hai moita xente á que lle vai custar aceptar que o outro se vaia liberando.

—É diferente a volta á normalidade segundo a idade?

—Ás persoas da terceira idade tocoulles vivir unha época moi complicada. O confinamento foi terrorífico e agora ese medo aínda se mantén.

—E aos nenos, cústalles volver ao parque?

—Os nenos non se preocupan por estas cousas, cando saen queren xogar, tocar, abrazar, relacionarse dun modo saudable… Un neno é capaz de vivir o presente moito mellor e de recuperar a normalidade. Non ter contacto foi duro, pero pódeno superar con facilidade.