Ana Freire, enxeñeira: «A tecnoloxía ten que ser feminista e diversa»

YES

cedida

Esta profesora e investigadora creou un sistema para detectar usuarios con tendencias suicidas en redes sociais e axudalos

16 oct 2021 . Actualizado ás 16:51 h.

Dubidaba entre estudar Enxeñería Informática ou Medicina , gañou a primeira opción, que cursou na Coruña, pero acabou traballando en ambos os campos. Ana Freire (Rábade, 1983) é directora da área de Tecnoloxía da UPF School of Management de Barcelona e o seu principal proxecto de investigación é o desenvolvemento dunha intelixencia artificial que detecta aos usuarios con problemas de saúde mental nas redes sociais.

«Cando entrei na carreira imaxinábame como unha enxeñeira de software ou programadora, pero desde que descubrín a intelixencia artificial souben que ese era o meu campo», lembra Ana, recentemente galardoada co premio Ada Byron do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia .

Cun equipo multidisciplinar, no que tamén hai psicólogos e psiquiatras, Ana desenvolveu o proxecto STOP e demostrou o seu éxito. «A intervención que fixemos foi detectar patróns de comportamento dos usuarios con tendencias suicidas, depresión ou trastornos alimentarios. Por exemplo, as mulleres con alto risco de anorexia son mulleres de menos de 19 anos, con intereses en dietas veganas, vexetarianas, exercicio extremo e perda de calorías moi rápida. Colaboramos co Teléfono da Esperanza e o teléfono de prevención do suicidio e lanzamos campañas en redes sociais dirixidas a usuarios que encaixaban dentro deses perfís, en Facebook e Instagram. Conseguimos aumentar nun 60% o número de chamadas provenientes de redes sociais. Se hai apoio emocional, a xente aprovéitao», conta Ana.

 Visibilizar ás mulleres

A investigadora tamén está moi implicada en romper os estereotipos de xénero asociados á tecnoloxía, para que as nenas vexan estas carreiras técnicas como unha opción de futuro. Con este obxectivo creou Wisibilízalas, un concurso internacional no que xa participaron máis de 3.000 alumnos de primaria e secundaria. «Os participantes, por grupos, teñen que crear unha páxina web co perfil dunha muller que traballe en tecnoloxía, enxeñería, matemáticas ou ciencia. Ademais, pedímoslles que sexan mulleres próximas coas que se poidan entrevistar e que lles poidan servir de inspiración ou descubran profesións novas que non coñecían», explica.

Ana defende que a diversidade nos equipos de traballo é fundamental para que a tecnoloxía achegue valor á sociedade: «A tecnoloxía ten que ser feminista e diversa. Hai un caso moi soado dun dispensador de xabón que detectaba só as mans de pel branca, porque só o probaron persoas con esa pel, é un exemplo moi claro de que o equipo que desenvolve esa tecnoloxía é clave para que sirva para toda a sociedade».

Vendo a traxectoria de Ana, podería parecer que o teito de cristal está roto pero ela asegura: «Só está gretado».