«Tatueime a data do día que entrei en quirófano»

YES

CEDIDA

TATUOUSE POR PRIMEIRA VEZ CON CASE 70. E agora, a piques de cumprir 71, Mariví Alonso xa está a pensar no segundo deseño sobre a súa pel. «Quero facerme unha flor da paixón ou unha de lis», di

09 oct 2021 . Actualizado ás 10:22 h.

Na boneca esquerda de Mariví Alonso hai unha data gravada con tinta: 5 -7-2013. É a primeira tatuaxe para esta muller que en decembro cumprirá 71 anos. Unha tatuaxe que chegou cando xa era avoa, rozando os 70 e despois de moitos anos dándolle voltas. O motivo de facerllo era deixar constancia sobre a súa pel dun día importante da súa vida: «Quería ter gravada esa data para que non se me esqueza. Para que o día que non teña a cabeza no meu sitio poida vela e lembrala». Mariví conta que pasou o 5 de xullo do 2013: «Foi o día que entrei en quirófano. Tiven un cancro de esófago e ao principio puxérono moi mal. Ao final todo saíu ben e ese foi o día que me operaron».

A data é un símbolo para ela. Un recordo. «Téñoo aí. Ese é un episodio da miña vida que non teño na cabeza, paseino mal, pero todo saíu ben. É pasado e punto, non podes estar a mirar cara atrás lamentándoche todo o intre nin dicindo ‘¡ai, Divos meu!', porque aquí estamos de paso, pero apetecíame ter ese data tatuada», mantén. A decisión foi meditada. Mariví contoulle á súa filla que tiña ganas de facerllo. E a súa filla foi a que a animou e acompañouna a tatuarse no estudo Tolo Blow Tattoo na Coruña.

«As tatuaxes gustábanme desde hai tempo. As miñas fillas están tatuadas e para min son verdadeiras obras de arte. Pero sempre me botaba para atrás a idade. Agora, píllame con 40 anos e tatúome de arriba abaixo, polo menos os brazos. ¡Encántanme as tatuaxes nos brazos!». Ao final, Mariví demostrou que non hai idade para facer o que uno sempre soñou: «Fíxeno e é tan discreto que case non se pode chamar tatuaxe», chancea. Xa ten en mente o segundo: «Quero facerme unha flor da paixón ou de lis. E xa teño elixido o sitio: na caluga. Calquera día dáme a ventolera e fágomo».

DAS POUCAS DA súa IDADE

Heliana, a filla mediana de Mariví, foi a que a acompañou a tatuarse. «Eu teño bastantes tatuaxes, o primeiro fíxenmo con 18 anos. A data é especial e ten un significado para ela, e comentoume que tiña a idea de facerse unha tatuaxe. A min pareceume perfecto. Creo que non hai idade, dá igual cando comeces. Foi toda contenta ao estudo, que é onde me tatúo eu sempre (o último hai pouco máis de dez días), e recordo que lle fixen fotos para inmortalizar o momento. Alí comentáronme que foi unha das primeiras persoas maiores que tatuaron. A miña nai saíu pletórica, moi contenta». Os días antes da tatuaxe, Heliana e Mariví probaron cun boli sobre a boneca da segunda como quedaría tatuada a data: «Díxenlle: ‘Ves, mamá?, así é como pode quedar'». Estiveron días buscando a tipografía e como farían esa tatuaxe, o primeiro de Mariví. «Recordo que ao principio, cando llo fixo, había xente que o comentaba: ‘Esa señora vai tatuada'. Foi unha sorpresa. En casa, o meu pai tamén lle dixo se quería tatuarse como as súas fillas. Ao final fixo o que lle apetecía. É unha forma de demostrar que non hai idade».

Mariví posa coa súa data gravada na boneca e lembra a súa mocidade e as tatuaxes daquela época. «A tatuaxe na miña adolescencia non se vía, e cando se vía a alguén tatuado seguramente era militar». Desa mocidade acórdase dun día na praia, cando viu un deseño que se lle quedou marcado: «Teño unha imaxe dunha muller alemá tatuada, e aquilo era un circo e era horroroso. É unha imaxe que tiña gravada e freábame un pouco». Pero ela foi aprendendo a aprecialos co tempo, e agora asegura que as tatuaxes «son verdadeiras obras de arte».

«Teño un coñecido que ten unhas tatuaxes preciosas, ten unhas caras perfectas. Están tan ben feitas que cando as observas parece que che falan, míranche, son expresivas. Para min as tatuaxes son unha forma de expresión, o mesmo que un artista pinta un cadro tamén un tatuador pinta un corpo», afirma.

O ENFADO COAS súas FILLAS

Mariví acórdase de cando as súas fillas empezaron a debuxar a súa pel. «O primeiro que fixen foi botarlles unha rifa. Sobre todo, á pequena Elisabeth, que seguindo os pasos da mediana Heli, fíxollo cando aínda era menor de idade. Aproveitou unha viaxe de vacacións que fixemos para tatuarse», lembra. Pero despois do enfado, recoñece que empezou a aprecialos: «Despois ves que son bonitos e gústanche». Agora agarda que as súas fillas a acompañen a facerse a flor na caluga. «Gustaríame repetir no mesmo sitio e que veñan comigo. Pero nada de tatuarnos xuntas, que cada un sexa libre de facer co seu corpo o que queira», sinala.

Mariví está chea de enerxía. Para ela as tatuaxes son como a vida: aprendes a entendela e a querela. «Sempre tratei de estar ao lado dos meus fillos e de entendelos. A miña adolescencia foi moi diferente, viña dunha ditadura. Recordo que cando chegou o matrimonio fixéronme elixir: ou o traballo ou casar, e eu non entendía por que tiña que ser unha cousa ou a outra», comenta. Hoxe goza cos seus tres fillos e os seus dous netos das redes sociais, e pensa en novas tatuaxes. «Non teño moitas coñecidas da miña idade que estean tatuadas, pero si que teño unha amiga á que tamén lle gustan as tatuaxes. Ás veces chanceamos sobre iso e dicimos que cando vaiamos á residencia van dicir: ‘Aí veñen as dos tattoos?'», asegura.

Agora Mariví presume de boneca, dese momento no que decidiu ser valente e probar algo que sempre quixera. Unha data que a acompañará toda a vida: no recordo e na man.