Xa non son cousas

YES

getty

09 oct 2021 . Actualizado ás 12:30 h.

Agora que Todo Isto vai converténdose en Todo Aquilo, o presente empeza a ter unha pinta bárbara. A sensación sabe ao café calentito co que che sobrepós dun pesadelo mentres che chuleas nas cousas boas que ten a realidade, aínda que no fondo sexa tan merdenta como sempre. Cando lle botaches un ollo ao abismo, o teu nivel de esixencia baixa ata considerar extraordinario o que é só normal. Estámonos desescalando e cada pasito que damos cara ao que fomos constitúe unha noticia extraordinaria. Poida que cando ao fin regresemos ao pasado, as cousas non sexan o cacao maravillao que lembramos, pero mentres tanto gozamos da viaxe cunha enerxía infantil que se respira en cada porcentaxe que aumenta unha capacidade ou en cada minuto que lle gañamos á hora de peche. Agora si que si imos de cabeza aos tolos anos vinte.

Neste tránsito cara ao que considerabamos normal, o can do veciño volve ser o can do veciño. Lembremos que naqueles días nos que non se podía saír da casa, un caniche era un salvoconducto máis eficaz que un neno de tres anos. A memoria é tan coñona que en canto che despistas, esqueciches os marróns que implica a vida, e lembras o vello coma se fose o tráiler dunha comedia romántica. Unha desas películas nas que ninguén queda sen papel hixiénico.

Case non lembras xa que contabas os paseos dese can que volve ser só un can coa dedicación dunha envexosa. Pero o destino quixo recompensar a eses animais que durante uns meses pasearon persoas e encaixar na desescalada un cambio de consideración ontológica neses mamíferos, que ata agora eran pouco máis que unha mesilla. Desde onte, todos os tobis españois deixarán de ser mobles para ser «seres vivos dotados de sensibilidade». Supoño que isto xa o sabían os donos dos cans, pero agora sábeo tamén a lei.

O cambio civilízanos e acurrala a todas as bestas humanas, que xa non poderán ensañarse cun can sen consecuencias. Agardemos que os caninos xestionen este logro con sabedoría. Deixarse lamer por un can é un dereito, pero non unha obrigación.