Eles son «sisís», mozos que estudan e traballan: «Estudo non autobús e quedo noites sen durmir»

J. VILLAVERDE / CARME D. PROL / LILIANA G. ABAD / S.F

YES

MARCOS MÍGUEZ

Con menos de 25 anos, sacrificaron o seu lecer para conseguir independencia económica. A estes estudantes as horas quédanselles curtas, pero fan o que sexa para acadar os seus obxectivos

19 sep 2021 . Actualizado ás 16:03 h.

Estes mozos poden con todo. Moitos estudantes deciden tomar as rendas da súa economía en canto rematan a educación obrigatoria. Algúns fano por axudar na súa casa, outros buscando una certa independencia económica, pero todos tiveron que facer malabares para poder afrontar esta situación. Unha elección valente e que require moito esforzo, tanto a nivel físico como mental. Tiveron que renunciar a moitos plans e mesmo sacrificar horas de descanso por manter os seus estudos ao día. O que está claro é que toda esta esixencia lles deixou unha gran aprendizaxe: saber organizarse e priorizar os plans.

Esta lección é a que asumiu Alba Casais. A súa vida deu un xiro cando empezou a súa carreira universitaria. Desde que conseguiu acceder ao grao de Relacións Laborais e Recursos Humanos na Coruña, esta moza de 21 anos decidiu comezar a traballar como aia e profesora de clases particulares. A decisión foi, en parte, condicionada porque a súa carreira non é pública, e esta pareceulle a forma idónea de gañar unha cantidade de diñeiro suficiente para cubrir os seus gastos persoais, xa que a súa nai lle axuda a pagarse os estudos. «É unha axuda para a miña familia, que é monoparental porque, aínda que isto non é un salario, son cartos que non lle teño que pedir a ela», comenta.

Un dos aspectos máis complicados para Alba foi cadrar os horarios para poder compaxinar os estudos con este traballo. Ten clases pola tarde, xusto cando os nenos están libres, polo que moitas veces as súas xornadas quedan sen horas. Pero isto non é o único, senón que houbo épocas nas que Casais tivo que complementar esta rutina coas prácticas universitarias: «Nas prácticas estaba de 9 a 14, para comer tiña de 14 a 15, e ás veces, ás 15.30 xa collía ao primeiro neno para levalo a algunha actividade ou coidalo». O seu tempo é tan limitado que, en ocasións, chegou a ir á universidade en taxi.

Outro problema de traballar con nenos, son os exames que, como poden ser calquera día da semana, obrigan a Alba a ter que sacrificar as súas fins de semana por axudar aos pequenos, porque ela nunca di que non. Isto converteu a vida da moza en todo un furacán: «Hai que sacar tempo de onde non o hai. O que fago é estudar no bus ou en horas mortas na facultade e o sábado e o domingo todo o día», afirma. Porque Alba é unha persoa á que lle gusta levar todo ao día e necesita revisar contidos cada semana, ademais de adiantar proxectos académicos. De feito, comenta que moitas noites tivo que sacrificar horas de descanso por algún parcial.

Aprender a priorizar

Todo isto se xestiona cunha boa dose de paciencia e moito esforzo. Nunha situación con tan pouca marxe de erro, calquera perdería os nervios nalgún momento. Pero é algo impensable para Alba, que explica que, ao traballar con nenos, ten que deixar atrás todos os seus problemas persoais e o estrés académico. Os pequenos requiren un trato especial, con moita máis atención e unha personalidade próxima e sosegada á hora de atendelos ou darlles clase. «Se tes un mal día, antes de entrar aí ténseche que acabar. Con un neno dá igual que teñas tres exames na semana, nesa hora teste que esquecer de todo», sentenza Casais.

Ademais, aínda que non se considere unha persoa especialmente amante dos nenos, a súa experiencia previa coidando do seu irmán e das súas primas fixéronlle gañar destreza cun público nada doado. Por outra banda, dá reforzo en materias que lle apaixonan, como as linguas, e sempre lle gustou axudar aos máis pequenos, o que lle facilitou a tarefa.

Tanta esixencia pasa factura e obriga a priorizar. Mentres o resto de universitarios gozan de vidas idílicas, a esta moza o día fáiselle curto e moitos plans caer pola incompatibilidade das súas obrigacións co tempo de lecer. Para Alba, chegou a ser un pouco frustrante: «Tes que ver como outras persoas poden facer moitas cousas e ti non porque estás traballando ou estudando, xa que antes non tiveches tempo».

Con todo, a estudante saca o lado positivo da súa experiencia e leva unha lección. «Valeume moito para xestionar o meu tempo e saber aproveitalo mellor», conta. Aclara que, aínda que hai días de moito abafo, nos que non lle queda tempo para ela mesma, a maior parte das veces consegue organizarse o suficiente como para poder ir tomar algo ao rematar, ou gozar dun paseo para desconectar dunha rutina tan esixente.

Carlo Zara: «O meu horario de pizzero adáptase ao dos meus estudos

ANGEL MANSO

Está a estudar para conseguir o traballo dos seus soños como ilustrador ou autor de cómics, e para iso pasa algunhas horas á semana como encargado dun restaurante de pizzas na Coruña. Carlo Zara (Buenos Aires, 2000) comezou a traballar como pizzero no ano 2019 coa intención de aforrar e manterse durante o curso, «se conseguía compaxinar as dúas cousas pois perfecto, se non, tería que xestionarme coas bolsas ou outras axudas», explica Carlo. Paralelamente, estuda o grao en Deseño Gráfico na Escola de Arte Superior e Deseño Pablo Picasso na Coruña: «Primeiro fixen o curso superior en Ilustración por vocación, tamén na Picasso, porque o que sempre me gustou é debuxar. Son dous anos, e cando acabei, vinme un pouco perdido, xa que é moi difícil atopar traballo neste ámbito. Quixen complementalo con deseño gráfico porque a formación que ofrece a escola é moi boa, tanto en referencia ao profesorado como aos materiais que nos ofrecen. Ademais, como é un grao relacionado con Ilustración, hai moitas materias que se convalidan, polo que podo telo rematado en menos dos catro anos expostos. De feito, agora teño materias que están entre o primeiro e o segundo curso», conta.

Tamén tiña experiencias previas de moitos dos seus amigos, xa que esta situación non é unha excepción: «Na miña contorna é algo habitual, teño amigos que traballan durante o curso, no verán ou a fin de semana», conta. O mesmo ocorre na súa contorna laboral, onde «tanto como repartidores, elaboradores ou encargados, hai estudantes ou persoas que se dedican tamén a outras cousas».

El xa traballara con anterioridade en Ortigueira, o pobo ao que chegou desde Arxentina con 2 anos, pero eran traballos puntuais ou de prácticas: «Esta foi a primeira vez que tiña un traballo en serio, cun contrato e condicións. Lembro o primeiro día como aterrador, porque pensaba que non ía saber facer nada». O certo é que soubo, e mesmo hai pouco o ascenderon a encargado do restaurante, o que lle fixo «lembrar os sentimentos daquel primeiro día», apunta entre risos.

Desde esa xornada, no 2019, Carlo pasou por momentos entre os que está a pandemia, que viviu como estudante e traballador. «Tiven sorte, porque fomos dos poucos lugares que non tivemos que pechar, xa que ao facer entregas a domicilio todos os traballadores estivemos activos», lembra o mozo.

Sobre a compatibilidade entre estes dous mundos, Carlo destaca as facilidades que lle ofrecen para que sexa posible: «Eu teño unha xornada de 20 horas semanais e a miña dispoñibilidade adáptase aos meus estudos ou, no caso dalgúns compañeiros, ao que teñan. É bastante flexible, especialmente en semanas nas que hai entregas ou exames, neses casos falo coa xerencia e non adoitan ter problema. Agora é máis complicado, xa que estou como encargado e é máis responsabilidade, pero sendo auxiliar facilítase moito que poidamos REVISAR estudar, por iso tamén estou moi cómodo», relata.

Esta situación, para Carlo e moitos outros mozos que a viven, é provisional, xa que o seu obxectivo é poder traballar na área na que se están formado. No seu caso, o que lle gustaría é facelo como editor dalgunha revista especializada en cómic, ou estar como ilustrador dunha editorial publicando as súas obras. «Aínda que é un sector difícil, por iso tamén me conformaría con estar nela doutras formas, por exemplo, axudando a xente que queira aprender sobre ilustración ou debuxo. Ou facendo traballos como deseñador gráfico», asegura.

 Laura: «Decidín empezar a traballar para aforrar e custearme o máster»

Sandra Alonso

Laura (1997) é xornalista e traballa como caixeira nun supermercado de Santiago. Apaixónalle a divulgación científica, e así o demostra coas súas pílulas de información menstrual na súa conta de Instagram (\pingando.gal). Lidera ademais un club de lectura online, onde propón literatura de autoras galegas, textos feministas e libros sobre autoconocimiento corporal. Desde hai máis dun ano empezou a traballar «para aforrar e poder pagar o máster de Comunicación Científica» que sempre anhelou, e «agora compaxino ambas as cousas», di. O seu contrato era a media xornada, «pero como estou a estudar tiven que cambialo por un de fin de semana», conta. «E con esa posibilidade —di— tiven un pouco de sorte, porque hai outros que teñen que traballar a xornada completa ou media á vez que estudan, e é bastante esixente, pois é imposible que rendas ao cento por cento en todo».

Entón as túas rutinas cambiaron?, dígolle. «Moito —contesta—. Agora traballo os venres e sábados, e dependendo da semana, alterno as mañás e as tardes. Pero normalmente entro a partir das dez da mañá e saio ao redor das once da noite, aínda que teño a miña hora para comer —ri—, pero practicamente é todo o día». As clases son de luns a xoves, e logo a fin de semana «voume ao súper para entón estudar odomingo . Non é tan diferente da universidade, e ao ser virtual, como teño todo o material de estudo e as datas de entregas dos seminarios e exames, me hei ir organizando», relata. Ademais de atender aos clientes na caixa, «preparo xunto ás miñas compañeiras os pedidos online, e cando fai falta repor algo dos almacéns nos estantes, tamén o facemos», resume.

Laura ten moi claro o que quere. Valora moito a responsabilidade e facer as cousas ben, sexa cal for o lugar onde se atope. Gústache o que fas?, pregúntolle. «Si, pero para min é un traballo de paso —asegura—, non é ao que me quero dedicar, pero dentro dos traballos que podía escoller leste é un que me gusta e hai moi bo ambiente laboral, que para min é moi importante. Logo, tratar coa xente agrádame moito e traballando na caixa teño ese contacto directo coas persoas. Así coñecín a moitas que quizais doutro modo non coñecería».

Anos de experiencia

O ano que Laura estivo sen estudar, ademais de buscar emprego en supermercados, intentouno no sector xornalístico, «e non atopei porque en todos che piden anos de experiencia que é imposible que unha persoa recentemente graduada teña. Non hai suficientes ofertas para nós», confesa preocupada. Aínda así, asegura que seguirá especializándose neste ámbito porque aspira a facer outro máster. «Intentarei buscar outra vez oportunidades dentro do xornalismo —insiste—, e se non, tocaría seguir traballando para aforrar e custearme o outro máster». De momento, Laura agarda vivir outras experiencias no súper, como a que lembra con cariño do inicio da pandemia. «Cando as máscaras non eran obrigatorias, un cliente pasou pola miña caixa e preguntoume por que non levaba unha, e expliqueille que as de tea sintética causábanme moita alerxia. El marchouse e regresou unha hora despois cunha máscara de algodón, das que facía a súa muller en casa, para que eu puidese levala. Iso pareceume un detallazo, foi moi bonito», sorrí.