O incrible tomate branco

YES

MARCOS MÍGUEZ

A firma Lúa de Dexo pon á venda por primeira vez un tomate branco que din "é o mellor que probamos e non se parece nada aos outros". Bautizárono co nome de Seixo Branco por estar os seus invernadoiros preto deste monumento natural da costa coruñesa de Oleiros.

24 jul 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Está a custarlles madurar neste verán cuberto de néboa. O bo faise de rogar. Porque poucas cousas hai máis ricas que un tomate de verdade. En Galicia, cada vez hai máis variedades e máis xente que se dedica a consentilos. Por exemplo, Francisco Gil e Sonia Rodríguez, que hai poucos anos decidiron dar un cambio radical á súa vida. Son de Neda , ela traballaba nunha fábrica de empanadas e el viaxaba por 32 países montando ciclos combinados. «No 2016 compramos este terreo e dous anos despois comezamos coa explotación. Agora traballamos unhas seis hectáreas. Temos terreos propios e outros os xestionamos», explica. É unha marabilla estar con eles e que che vaian explicando os detalles do seu proxecto, Lúa de Dexo, polo nome da parroquia de Oleiros onde naceu a idea. Cultivan 26 tipos de tomates e teñen outros 8 en probas, que é posible que o ano que vén entren en produción. E de todos, hai un que chama a atención. «É outro mundo. Non se pode comparar con outro que eu teña probado. Non hai referencias en Internet. Non hai ninguén que o cultive a nivel profesional. É un tomate único», afirma o experto.

Semente de Polonia

Ese tomate, que deica pouco venderán a 8 euros o quilo a restaurantes, froiterías e a algúns particulares privilexiados, bautizárono co nome de Seixo Branco. O famoso monumento natural costeiro coruñés está a pouca distancia dos seus invernadoiros. Ao tomate negro de Santiago saíulle competencia, e é totalmente branca. «A semente chegounos de Polonia grazas a unha persoa que coñecemos nun foro especializado. Eu non sabía que era branco ata que naceu. E creo que é o mellor que probei nunca. Ten un sabor tropical. É moito máis doce. Non se pode comparar co negro de Santiago nin con ningún. É o tomate que non sabe a tomate. O ano pasado démosllo a probar a algúns cociñeiros e fliparon. Este verán xa temos bastantes pedidos. O rendemento non é moi alto porque non saen moitos de cada mata e é moi delicado, por iso o prezo é máis elevado», comenta Francisco, que vai subindo a Instagram os detalles das súas plantacións, nas que traballan sen químicos. Nuns días, se o tempo acompaña, o Seixo Branco chegará ao seu momento óptimo de maduración. Un tomate único.

Xamón ao corte en Pedras Negras 

Hai pouco chamáronme para preguntarme por establecementos galegos que ofrezan bo xamón ao corte. Antes era habitual, pero agora é máis difícil porque non resulta demasiado rendible. Agradoume ver que a nova xerencia do restaurante do porto deportivo de San Vicente do Mar decidiu ter a unha persoa cortando xamón á entrada do local. É toda unha declaración de intencións. Contan cun equipo de camareiros novos e unha carta que intentan adaptar aos gustos dos clientes. Haberá que volver.