Esta é a Galicia que admira «The Telegraph»

YES

«A espectacular rexión española que os británicos non descubriron». Así presenta a Galicia o diario londiniense, que fai un percorrido por toda a súa xeografía e destaca o seu parecido con Gales e Cornualles. Paisaxe, comida e viño é o que máis valoran

28 abr 2021 . Actualizado ás 13:11 h.

Vigo é para os ingleses as recoiro e o polbo que «os aldeáns comen nos postos do casco antigo». «Se che gusta San Sebastián, probablemente sentirasche como en casa aquí», din da Coruña. O «balneario» no que se converte Viveiro cada verán ou as rutas do viño «da bonita cidade de Cambados» son só algunhas das paradas da ruta coa que The Telegraph descobre Galicia aos seus lectores. Esa «espectacular rexión española», aseguran, «parécese máis a Cornualles, Gales ou Irlanda que a outras partes de España». As súas verdes paisaxes, engade o diario, son o resultado de ter maiores precipitacións que o resto do país. Pero o sol, matiza, «está garantido de xuño a setembro». Se hai algo que destaca o artigo, ademais da nosa oferta paisaxística, turística e cultural, son a gastronomía e o viño. A proxección que fai de Galicia é innegable.

«É un enfoque parcial, pero atractivo», indica Bieito Romero . O fundador de , Luar na Lubregran coñecedor de Cornualles e Bretaña, destaca a importancia de buscar un turismo «que non veña só á praia e ao chiringuito, senón que busque o lado gastronómico, o tema cultural e de patrimonio. Cornualles ou Bretaña son lugares moitísimo máis turísticos, pero cun clima peor. Teñen gustos similares aos nosos, tanto culturalmente como no paisaxismo e na gastronomía, e sería un turismo moi interesante. Nós somos os máis británicos de España», afirma.

O músico ten claro que non deberiamos desperdiciar o tirón. «Habería que aproveitar un artigo deste nivel, dun medio como o Telegraph», di antes de contrapor ambas as rexións: «Cornualles é o mesmo que Galicia, pero de postal. Hai que escapar da perspectiva do turismo de sol e praia. Aquí temos as mellores praias, aínda que de augas moi frías. Pero grazas a iso, temos o mellor marisco. Ademais contamos coa maior concentración de igrexas románicas de Europa, o Camiño de Santiago, a confluencia das culturas célticas coa latina», engade. Romero destaca as cousas en común. O minifundio, a paisaxe, a forma de vida e ata a arquitectura. «A un inglés póñelo na Terra Chá e non distingue a arquitectura. E en Cornualles pasa que non sabes se te atopas en Baldaio. Logo desde o punto de vista musical e da herdanza celta, non hai dúbida algunha. A xente alucina con nós, chámannos os celtas do sur», gabia.

Sitúannos cando lles falas do Camiño de Santiago. Entón din: 'Pero iso é Galicia?'

Rocío Castro, unha galega que viviu na zona rural de Gales, coincide con el en todas estas semellanzas. Engade tamén o feito de contar cunha lingua propia. «Temos moitas coincidencias. Para min foi fácil ter unha identificación céltica alí, e o entorno parécese moito, pero en Gales está máis coidado», sinala antes de engadir que aquí gañamos en infraestruturas: «A parte norte, na que vivín eu, é como a zona pobre do Reino Unido. Hai moito contraste co sur. De feito, as estradas son malísimas e as conexións de tren son escasas entre a área rural e a urbana».

A pesar de todos estes nexos de unión, Romero asegura que aos ingleses Galicia non lles soa moito: «Sóalles máis ben a Gales. A maneira de que nos sitúen é falar do Camiño, ou de Santiago. Entón din: ‘Pero iso é Galicia? Non é o País Vasco ou Cataluña?'. A eles coñécenos, pero a nós non. Por iso ese artigo como avanzadilla está moi ben, pero ten que replicarse desde aquí e que haxa un movemento». O mesmo opina Cesáreo Pardal, presidente do Clúster de Turismo de Galicia. «Non esquezamos que The Guardian xa dixo que a praia de Rodas é a máis bonita do mundo. Estou convencido de que non facemos suficiente promoción de Galicia no Reino Unido, un destino que está a só unha hora de nós».

Pardal ten claro que reunimos os intereses dos ingleses: «Paisaxe, gastronomía, viño... ¡E aínda amais o golf!, que eles xogan ata chovendo». O turista británico, habituado como está ás inclemencias meteorolóxicas, permitiría ademais desestacionalizar o sector e xerar movemento tamén no inverno en Galicia. «Eu faría unha proba piloto con Cornualles, igual un chárter durante un mes a modo de proba. É diñeiro, pero eu estiven en Glasgow, na feira folk, e alí os galegos somos deuses. Tanto coa Bretaña francesa como coa zona de Gales e de Glasgow, temos unha conexión incrible que non estamos a espremer», insiste. Oxalá se note, e pronto, esta inesperada promoción estranxeira.