Marchando un bocadillo de lagostinos

YES

ANGEL MANSO


A taberna A Mundiña da Coruña inclúe na carta un sorprendente bocadillo de lagostinos cunha maionesa aderezada con mostaza e soia inspirado nunha experiencia xuvenil do propietario do local.

24 abr 2021 . Actualizado ás 05:00 h.

Está bo. Buenísimo. Aínda que hai que dicir que ás oito da tarde, co estómago baleiro, o bocadillo pódeno encher de calquera cousa que cho zampas. Pero o que me deron a probar no restaurante A Mundiña é algo especial porque, ademais de levar un produto nada habitual entre pans, ten unha bonita historia detrás. «Cando eu tiña 15 ou 16 anos axudaba aos meus pais no seu restaurante, o Suso», lembra o empresario Jesús García, propietario do grupo Amicalia que, entre outros locais, xestiona desde pouco antes da pandemia A Mundiña. O Suso no que se crío era unha marisquería mítica que moitos veteranos lembrarán pola abundante variedade de produtos de mar e os prezos contidos. Creo que agora quedan moi poucas marisquerías dese estilo. Eran outros tempos. Pois ben, cóntame que unha tarde na que estaban preparando o servizo de noite entroulle a fame. «O meu pai díxome que me fixese un bocadillo e, non sei por que, en lugar de botar man do xamón, o chourizo ou a Nocilla, fun polos lagostinos», relata. Pelounas, colocounas nun anaco de pan, botou maionesa e... para dentro. «O meu pai non daba crédito, pero si que recordo que rimos moito coa anécdota e é algo que conservo na memoria. Así naceu e morreu a historia do bocadillo de lagostinos», asegura. Ata hoxe.

EN DOUS ANACOS

O primeiro A Mundiña abrírono Rafa Varela, Silvia Facal e Álvaro Ameijenda un 23-F do 2006 na céntrica rúa da Estrela da Coruña, que entón estaba medio morta. En pouco tempo converteuse nun restaurante de referencia e a rúa tamén se foi recuperando. O outro día lembraba con Rafa cando acompañei a Urbano Lugrís ao baño de mulleres para que certificase que un mural que aparecera no aseo era do seu pai. Agora este local funciona máis como taberna-mesón e o principal está na Marina . Pero foi no pioneiro onde catei o bocadillo de lagostinos que teñen en carta a 9 euros e que serven partido en dous anacos. «Utilizo un pan de cristal, que apenas ten faragulla. A maionesa aderézoa con mostaza e soia e as colas de lagostino van salteadas con sal e pementa. Nada máis. É un bocadillo moi sinxelo, pero a quen non lle gusta a combinación?», comenta Silvia, a xefa de cociña. Para ela, que está acostumada a bordar un salpicón ou unha caldeirada e deixar os peixes no seu punto perfecto, este tipo de bocadillos prepáraos cos ollos pechados. Pero tamén pechamos os ollos de pracer os que o comemos.

PRODUTOS DA LONXA

A taberna A Mundiña da rúa da Estrela xa non ten a mesma carta de hai 15 anos, pero segue conservando o gusto pola calidade e polas cousas ben feitas. Agora xa non serven linguados nin outros peixes de tamaño XL, para iso hai que ir ao novo local, pero sorprenden cos seus minchas ou caramuxos, mexillóns, xureliños ou percebes e camaróns se a lonxa dese día foi propicia. E, por suposto, ese bocadillo de lagostinos que me soubo a gloria na compaña de Rafa e Silvia e unha botella de Almirez de Toro de Adegas Sierra Cantabria. Despois de tantos meses de parón hostaleiro e de non poder gozar de certos praceres, agradécense propostas como esta.