O dobre de Chuck Norris está en Carballo

YES

Ana García

Cuspidiños. Como dúas gotas de auga son o coñecido actor estadounidense e José Antonio Añón. Tanto é así que ao da Costa da Morte xa o coñecen por iso. Anécdotas hai para aburrir, sobre todo, cada vez que viaxa ao estranxeiro

02 mares 2021 . Actualizado ás 16:47 h.

Chuck Norris acaba de cumprir 80 anos, aínda que non os aparenta. O mesmo sucédelle ao seu dobre, que acaba de cumprir 63, e está feito un rapaz. Só os separan 17 anos. Bo, iso e o océano Atlántico. Porque pouco se pode imaxinar o actor estadounidense que alén do charco está o seu dobre. En Carballo, concretamente. E á fronte do bar Galicia, un local máis que coñecido pola zona. Do resto, son tan parecidos que poderían pasar por irmáns xemelgos. Tanto é así que el xa ten asimilado —o Chuck Norris de Carballo enténdese— que é o dobre do coñecido actor. Ata o punto de que hai anos imprimiu uns cartóns de presentación dos seus negocios e na cara interior puña a súa foto cunha frase que dicía: «Non son Chuck Norris, pero son o dobre de Chuck Norris». Así llas gasta José Antonio Añón, que tira de bo humor para lembrar mil e unha anécdotas: «Iso foi un cachondeo, aínda algunha anda por aí».

Todo empezou como empeza todo o bo, por casualidade. Na época na que comezaron a comercializarse os primeiros reprodutores de vídeo. José Antonio foi dos primeiros en instalalo no seu local: «Cando saían do cole os rapaces, viñan a tomar un bocata e un refresco e eu poñíalles sempre unha peli de Chuck Norris. Cada día unha diferente. E despois xa a pedían eles. E foi así, tanto Chuck Norris, que me quedou o Chuck Norris de Carballo». Aínda que en canto ao parecido nada tivo que ver a proxección das películas.

Aínda lembra hai anos paseando por Riazor nunha Semana Santa que había moitos turistas —todo o contrario ao que vai pasar este ano— que unhas mozas de Sevilla querían facerse unha foto con el e que lles asinase un autógrafo: «Tiven que dicirlles que non era Chuck Norris», confesa.

Todo o contrario ao que fixo despois, cando viaxou co Superdépor por Europa. Aí si que se fixo pasar polo coñecido actor: «Iso foi un cachondeo total. Viaxei co Dépor por Europa cando foi a Champions e cada vez que ía por aí pedíanme autógrafos e fotos. Case era eu máis coñecido que os xogadores do Dépor», chancea este veciño de Carballo que puntualiza que naceu na Laracha.

«A min encantábame Chuck Norris. Sempre me gustou», por se non quedara claro, e recoñece que mesmo emula o estilo do actor vestindo sempre con pezas vaqueiras. Agora só lle queda coñecelo en persoa: «A ver se cando estea máis libre podo organizar unha viaxe a Navasota (Texas) e atópome con el», di. Non será por que non o intentou. Localizouno por Twitter, pero «había que saber moito máis inglés», confesa. Quen sabe, se cadra pronto vemos un retrato dos dous xuntos, o de Oklahoma e o de Carballo.