Emilio Alonso: «Estiven atrapado no maleteiro máis de 3 horas»

YES

Santi M. Amil

Voltas de campá. A súa vocación pola relixión veulle de neno, pero un grave accidente de tráfico aos 26 anos cambioulle a vida en todos os sentidos. Agora goza do amor da súa muller e o seu fillo e da súa paixón pola música

01 dic 2020 . Actualizado ás 16:37 h.

Emilio Alonso tiña 29 anos cando decidiu apartarse do seu camiño como cura e encarrilar a súa vida noutra dirección. Agora está casado, ten un fillo precioso e acaba de publicar o seu segundo traballo como cantautor, Se non o digo rebento. Viviu historias de todas as cores ata chegar aquí e, a pesar de que a súa humildade lle impida verse como protagonista de nada, todas elas merecen ser contadas. Emilio naceu no concello ourensán de Maside en 1975. Con 10 anos comezou a estudar no Seminario Menor, de aí pasaría ao Maior e despois a cursar os seus estudos en Teoloxía. Así se achegou á relixión. A súa ilusión pola música chegoulle aos 14. «Apunteime a clases de piano. Xa nos anos noventa púxose de moda o fenómeno de cantautores e engancheime ao disco Man a man de Silvio Rodríguez e Luis Eduardo Aute, así que me pasei á guitarra de forma autodidacta», di. «Chamábanme a atención as súas letras e que fosen capaces de encher por centos de miles de persoas dispostas a escoitarlles nun estadio», engade o ourensán. Javier Álvarez, Pedro Guerra ou Ismael Serrano convertéronse nos seus grandes referentes.

Por aquel entón todo o seu cosmos era a Igrexa, por iso contactou coa música en directo a través dos festivais da Canción Misioneira de Ourense. Gañouno por primeira vez en 1998. Dous anos máis tarde foi ordenado cura e no 2001, cando xa estaba a cargo de unha ducia de parroquias de Calvos de Randín, un gravísimo accidente púxoo todo patas para arriba. «Era fin de semana e había ir a cear a Xinzo cuns compañeiros doutras parroquias. Levaba semanas acumulando estrés cansazo. Cando regresaba non se que pasou, se quedei durmido ou me deu un bajón, pero perdín o control do coche, que empezou a dar voltas e a caer monte abaixo. Estiven atrapado no maleteiro durante máis de tres horas, creo que inconsciente, e coas pernas cara arriba», relata. Danos severos na femoral, dous meses sedado, tres ingresado e finalmente a amputación dunha perna foron o resultado do accidente que supuxo un antes e un despois na vida de Emilio. A partir de aí quedou incapacitado para facerse cargo das parroquias. Acabáronse o trato cos veciños, o servizo desinteresado con eles, o brindar a súa axuda e a súa comprensión ao próximo... motivos que no seu día o levaron a facerse cura. «Pasei a levar temas de inventario na Vigairía. Chegou un momento no que era o mesmo traballar no obispado que nun banco. Tiña veintipico anos, estaba xubilado como cura, sen ningunha motivación nin visión de futuro, e en parte sentía que a Igrexa se desprendeu de min», admite. Por iso no 2004, a piques de cumprir os 30, deixouno. Non sen que antes lle pedisen que se tomase un ano para pensalo. «Prefería estar un ano fóra, equivocarme e volver, a estar outro máis dentro e dalo por perdido. Necesitaba recuperarme a min mesmo e demostrarme que podía seguir facendo cousas que me fixesen feliz», di. Conseguiuno. Nunca lle faltaron a creatividade nin o esforzo ou a implicación. Así comezou a buscar traballo e a estudar unha oposición. É administrativo e non deixou de promocionar internamente ata agora, que acaba de aprobar os exames de xestión.

A música tardou máis en brotar da súa garganta de novo. Tivo que agardar ata o 2016 para volver cantar. E niso tivo moito que ver a súa muller, Sandra Marín. «É o amor da miña vida. Ela tamén participaba nos festivais da Canción Misioneira e pouco despois de deixar de ser cura, a nosa amizade converteuse en algo moito maior», di Emilio. E aclara: «Ás veces idealizamos que ten que haber unha muller para que un cura renuncie. Sandra non tivo nada que ver, no momento que eu o deixei e abrinme ao amor, namoreime de ela». O amor profésano agora tamén cara ao seu fillo Rubén. «Retomei a miña relación coa música ao mesmo tempo que intentaba retomala coa Igrexa, que non mo puxo nada doado. Tocaba e cantaba en actos solidarios e tamén en eventos organizados polo Círculo Poético Ourensán, a quen sempre estarei agradecido polo seu apoio e afán», explica.

No 2017 viron a luz as doce cancións que conforman a súa primeira maqueta, Voltas de campá. «A miña vida deu un cambio radical, tanto física como ideoloxicamente, e sentía a necesidade de expresalo», di. Nas súas letras fala de todo o que lle ocorreu desde un punto de vista simbólico e ata poético, repleto de ritmo e melodía. É moi doado profundar nas súas cancións, que invitan a reflexionar. Agora volveuno a conseguir co seu segundo traballo autoeditado, Se non o digo rebento, que publicou fai apenas unas poucas semanas. Nel fala de amor e de desamor. «Estou moi feliz de poder seguir loitando polos meus soños», afirma. Di que non se arrepinte de ningunha das decisións que lle levaron á súa vida actual. «Un é quen é grazas a todas as súas voltas de campá. Eu agora mesmo son feliz», remata. Non está seguro de se aínda cre en Deus, ten tempo aínda de pescudalo. Xunto á súa familia e entre as súas cancións.