Así se aprende no mellor cole de España

YES

O CRA Mestra Clara Torres este outono
O Cra Mestra Clara Torres este outono Óscar Vázquez

GALEGO, RURAL E PUNTEIRO Son os acenos de identidade da Escola do Ano 2020. Creatividade e cooperación son dúas dos seus fortes. Aprenden falando desde primeira hora e teñen «panadeiro», horto, taller de radio, biblioteca creativa e unha necesidade. ¡Entramos!

19 novs 2020 . Actualizado ás 16:54 h.

Está en Tui, ten 20 anos e logrou o Premio Escola do Ano 2020 da Fundación Princesa de Xirona (FPdGi). O CRA Mestra Clara Torres é, segundo o xurado do galardón, «un exemplo de dinamización de contornas rurais a través da participación das familias e dos membros da comunidade».

Amplas son as súas miras e varias as súas chaves mestras. «Un dos piares da aprendizaxe é o respecto ao desenvolvemento e á maduración singular dos nenos. E isto é posible porque aquí se traballa con idades mesturadas», explica a directora do centro, Rocío Varela Esmorís.

No CRA Mestra Clara Torres os nenos de 3, 4, 5 e 6 anos aprenden xuntos, como os irmáns en casa. «É un dos nosos puntos fortes! Porque non todos os nenos e nenas maduran ao mesmo tempo, do mesmo xeito que non empezan a andar á vez», sinala a profe. Un neno maior adoita ser un estímulo, o mestre máis cómplice. «Os pequenos queren facer o que fan os maiores. É a aprendizaxe cooperativa. Os maiores botan unha man aos peques e á vez sérvelles a eles, porque cando ti tes que explicar algo non se che esquece, non? O sentimento de comunidade que se crea é precioso».

Este sentimento de grupo é forte no pulmón verde na educación que son os CRA, «e non só entre os pequenos. É un sentimento que se estende ás parroquias». O contacto dos alumnos do Clara Torres é «moi directo» coas comunidades de montes e coas asociacións da zona. «Nunha das aulas hai un ‘panadeiro’, entre comiñas; é unha persoa da parroquia que se encarga de repartir as merendas aos nenos».

Óscar Vázquez

Falar, aínda que sexa de máis

As familias teñen un papel principal, explica a directora, neste cole de Tui centrado este ano na saúde, o benestar e no traballo do «efecto covid». Os pais participan en actividades dentro da aula, en talleres e saídas. Este ano hai moitas restricións, «pero as saídas son outro dos puntos fortes do Mestra Clara Torres. Porque é importante que os nenos coñezan os lugares nos que están, que teñan unha identidade rural, o que se chama amor pola terriña. Cando queres o lugar de onde é e onde vives, todo é posible», valora o equipo docente.

O goce diario da natureza é o terceiro ingrediente esencial da cociña de saberes do mellor cole de España. «Sempre que se pode, que ou tempo ou permite, sacamos as mesas fóra», asegura Rocío.

O CRA ten seis aulas e en cada unha unha titora. As cocientes son baixas, de entre 9 e 19 nenos, e contan cun equipo de especialistas en música, educación física, en audición e linguaxe, pedagoxía terapéutica e orientación que permite a atención á diversidade e ás necesidades especiais. Outro sobresaliente merece o respecto a dios Rocío Varela.

A relación neno-profesor rompe as barreiras da xerarquía, baséase no respecto; «e un dos grandes piares da educación é o desenvolvemento da linguaxe. Procuramos que os nenos saiban expresarse oralmente na aula e a través de proxectos como o do taller de radio. Queremos que eles saiban concretar o que queren dicir coa cabeza e o corazón». Falar non é un problema neste cole, senón unha cualidade positiva. «Aquí os nenos teñen voz todo o día, dende primeira hora», afirma.

A ecoloxía é unha das súas áreas favoritas, teñen biblioteca creativa e traballan a integración das tecnoloxías (con iniciación á robótica e programación «a nivel básico»). Acusan unha soa necesidade grande: «Máis nenos non CRA!».

O Clara Torres, onde as clases empezan con asembleas ou sorpresas, ten o «futuro asegurado», di a que foi a súa directora 20 anos, Teresa Domínguez, Premio Nacional de Educación á Carreira Docente 2017. «Ou equipo directivo actual ten implicación e compromiso. Esta educación integra de forma natural o emocional co tecnolóxico e seguirá levando da man o cerebro, o corazón e o facer, o aprender a facer», conclúe.

Así se fai o pan do saber.