Da Ribeira Sacra a Vigo cun piano de cola

YES

14 novs 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

Hai hostaleiros cunha moral a proba de desgrazas. Por exemplo, Carlos Javier González Sánchez fálame cunha ilusión tremenda do seu proxecto, a pesar de que sabe que ata o mes que vén non o pode abrir. Pero está tan contento e satisfeito coa aposta que agardará o tempo que faga falta sen perder o sorriso. «Abriremos cando se poida. Vai ser un concepto diferente, un gastropianobar. A idea é de lecer gastronómico. Contaremos cun piano de cola de dous metros, que me custou un ollo da cara. A música clásica é unha das cousas que aprecio. Digamos que me inspiro naqueles cafés clásicos franceses para ofrecer un servizo completo e tranquilo. E non por ter o piano vai ser elitista», explica este emprendedor de 35 anos. Dirixe o restaurante Merenzao, en Doade, concello de Sober . E agora desembarca en Vigo coa citada aposta bautizada co nome de Monfortino. Da Ribeira Sacra á cidade olívica cargando cun piano de cola. Estará situado na rúa Venezuela 35, no baixo que durante unha tempada ocuparon os mozos de Barrabasada e que non lles foi demasiado ben. Primeiro estiveron con gran éxito no mercado do Progreso de Vigo e despois neste local próximo á cafetería Crisol, onde serven unhas das torradas de almorzo máis ricas que recordo. A Carlos coñecino hai uns anos sobre o escenario dun Fórum Gastronómico celebrado na Coruña. Recordo que me impresionou todo o que sabe sobre os produtos cos que elabora os seus pratos. É unha enciclopedia gastronómica. Agora con piano.

NOS CANÓNS DO SIL

Hai pouco estiven no seu restaurante Merenzao da Ribeira Sacra. Está moi preto (case se pode ir andando) das adegas Regina Viarum. É un bo plan visitar as instalacións da familia de Horacio Gómez e despois saborear a cociña de Carlos, aínda que anuncia que ata marzo o seu local permanecerá pechado. Tamén é certo que coa situación actual facer plans parece unha quimera. Gustoume moito a adega, a simpatía de Rosana , a guía, e a cata dos viños sobre un val no que se vendima de xeito heroico. Os canóns do Sil son unha das grandes xoias de Galicia. E moi agradecido porque o viño da comida no Merenzao foi xentileza dos propietarios de Regina Viarum. O restaurante é de corte moderno e está situado dentro do complexo das adegas Petrón. Cando vas ao baño podes ver por unhas cristaleiras o lugar onde se elabora o viño. Pedín unhas verduras de tempada á brasa, steak tartar de tenreira galega e arroz meloso de cabaza asada. Todo tan saboroso como lixeiro para poder emprender a viaxe de volta con tranquilidade. Foi aí cando me decatei do seu novo proxecto, o do piano, que aínda que teña que agardar unhas semanas, seguro que se acabará convertendo nunha referencia. «No Monfortino, no gastropianobar de Vigo, imos traer a carne da nosa terra. Temos ese toque de xente de pobo que vai á cidade», comenta con bo humor. «Non é o clásico restaurante de menú do día. Podes comer ben, tomarche un café galego con calma, merendar... Non buscamos rotación excesiva, só que a xente se senta a gusto. O fío condutor é estar tranquilo e o concepto brasa, con moitos pratos preparados deste xeito. Tamén contaremos cun bo servizo de viños e de espumosos, moitos deles galegos», resume. Nun momento no que a hostalería está pechada, en que resulta complicado desprazarse entre cidades, en que perigan os encontros do Nadal... Xusto agora Carlos Javier González Sánchez decide ampliar a súa oferta da Ribeira Sacra e levar a Vigo un piano de cola. «Cando levanten as restricións aí esteremos. Nótase que fun militar, paracaidista en concreto», comenta. Valente é. Sin duda.