Paula Pintos, psicóloga: «Os nenos necesitan agora a natureza máis que nunca»

YES

Marcos Míguez

Os pequenos da casa tamén sofren as novas normas covid e perciben este ano tan difícil. Como debemos afrontar o rexeitamento a ir ao colexio ou a pórse a máscara durante tanto tempo? A experta explícanos que facer

26 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

1 É normal que agora os nenos sintan rexeitamento ao ir ao cole?

Si, normalmente xa a volta ao cole pode xerar rexeitamento. Pero con toda esta situación, pódese agudizar.

2 A que se debe?

Habería que ver cada caso. Pode haber moitos factores. Pero, moitas veces e sen querer, esiximos aos nenos que se adapten rapidamente ás cousas . Todos nos estamos reformulando ante esta nova circunstancia e eles tamén necesitan un período de adaptación. Ademais, os nenos perciben enseguida o ton emocional da contorna. E, ás veces, actúan como catalizadores.

3 Como debemos actuar ante este rexeitamento?

Unha boa fórmula sempre é falar con eles. Debemos validar as súas emocións e axudarlles a pórlle nome ao que lles está pasando: «Vexo que estás a chorar porque non queres ir ao cole, debes estar a sentir medo». Ou cunha pregunta: «Será que tes medo?». Logo debemos incluír as nosas emocións: «Mamá e papá tamén sentimos medo e entendo que esteas así». E, para rematar, explicar por que hai que facelo. É importante tamén axudalos con mensaxes de calma.

4 E se o neno negar a pórse a máscara?

Insistir coa validación: «Non queres levar a máscara, debes estar moi incómodo. A min tamén me molesta e ás veces gustaríame quitarma. Pero é importante que a levemos para coidarnos e coidar aos demais. Imos chegar pronto a casa e xa nola imos a poder quitar». E dando tamén reforzos positivos: «Fixéchelo moi ben». Tamén con fórmulas que compensen ese esforzo, como levalos á natureza sempre que se poida. Agora é un espazo que necesitan máis que nunca. Alí poderán oxigenarse, respirar e descansar de todo o esforzo da semana.

5 E cos máis pequenos? É case imposible conseguir que non o toquen todo...

Neses casos o que prima a nivel evolutivo é, precisamente, a exploración. A curiosidade e o xogo é a base da aprendizaxe e é importante favorecer o desenvolvemento do neno. Toca pórnos creativos e reinventar espazos de xogo para que non sintan que están a facer algo mal. Fomentar o xogo entre grupos de convivencia ou irmáns, etc.. A natureza tamén lles permitirá explorar nela máis libres e tranquilos.