Este é o vestido viral do 2020 e está cheo de fresas

YES

A deseñadora Lirika Matoshi está detrás deste fenómeno nas redes. Só en TikTok os vídeos levan máis de 28 millóns de reproducións

19 sep 2020 . Actualizado ás 23:06 h.

O vestido de lunares de Zara ten novo substituto viral. Este é un pouco máis caro (450 dólares custa a peza en cuestión) e asínao unha deseñadora de Kósovo con base en Nova York: Lirika Matoshi. Que ten este vestido con mangas abullonadas, tul e un estampado de fresas tan amoroso para que todo o mundo fale del? Que a súa popularidade se fixo famosa entre a xeración Z. En concreto, na súa rede social favorita: TikTok. Os vídeos falando sobre o famoso deseño de Lirika Matoshi levan máis de 28 millóns de reproducións. Non é só unha peza bonita que, din os seus fans, senta ben a todo o mundo, senón que se converteu nunha fonte de inspiración para todo tipo de artistas. É doado ver vídeos con debuxos animados levando este vestido ou apaixonadas da peza de fresas creando as súas propias colaxes e imaxinándose como quedaría esta nova de tul de cor rosa a artistas como Harry Styles.

UN PUNTO DE FANTASÍA

Todos os deseños de Lirika Matoshi, que só ten 24 anos, teñen un punto de fantasía. Non tan virales, aínda que si se fixeron moi populares os seus jerséis de puntos que recrean ese primeiro debuxo que todos fixemos de pequenas: un campo verde, o ceo azul e unhas perfectas nubes mulliditas de cor branca. Ou tamén os seus calcetíns de tul recubertos de flores, un dos seus primeiros éxitos nas redes sociais.