«Son un viejoven de 21, pero síntome como unha señora de 65»

YES

Chelís Quinzá convertido en Chelito
Chelís Quinzá convertido en Chelito PAULA QUIROGA

XA CANDO TIÑA 5 ANOS a Chelís Quinzá gustáballe sentarse no parque a dar para comer ás pombas. Estudante de arte dramática en Valladolid , a Paquita Salas coruñesa formou un dúo cun compañeiro de clase e deu vida á súa alter ego: Chelito, a muller de 65 anos con moita marcha

05 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

«Chelito é como un Chelís sen límite». Son as doce da mañá e Chelito, o alter ego de Chelís, non ten problema en parar o pouco tráfico da Marina , na Coruña. «É unha guerrilleira», comenta Chelís Quinzá. Este mozo coruñés de 21 anos, estudante de arte dramática, confésase: «Son un viejoven de 21, pero síntome como unha señora de 65 anos». No principio do ano creou un dúo con Emilio, compañeiro de clase na escola na que estudan en Valladolid , e así xurdiu Herminia e Chelito, unha nai de 80 anos e a súa filla de 65, dous personaxes cos que queren recrear «a realidade dos nosos maiores, os seus problemas e o seu día a día».

Chelís conta que sempre tivo claro que quería ser actor: «Non me vexo facendo outra cousa». Tamén que xa era un mozo anello con só 5 anos: «A esa idade a miña maior ilusión era irme a un bar a ler o xornal, sen saber ler, a tomarme a miña Cola Cao cos meus catro churros. Teño esa cousa clásica». Entre as súas afeccións de neno tamén estaba baixar a mirar obras ou sentarse nun parque a dar para comer ás pombas. «Eu son moi señorona e con Chelito o son aínda máis. Eu se lle quero mandar un bico a un señor, envíallo Chelito». Cando Herminia e Chelito baixan á rúa, os dous mozos transfórmanse e improvisan: «É moi curiosa a reacción da xente. Moitas persoas confúndennos e trátannos como a señoras. Dinnos ‘pase vostede' ou nos axudan coa máquina do parquímetro». «E hai outra parte que cando se pispa de que somos actores ri e pícanos para que fagamos máis canalladas. É moi boa a realidade da xente».

No seu personaxe hai moito bo humor, pero tamén unha realidade: a soidade. «Chelito é unha señora de 65 anos que se acaba de xubilar que vive coa súa nai de 80 anos, que tamén é Emilio Seco, que é o actor que tamén interpreta a Herminia, e son dúas señoras que lles gusta a vida de rúa, as canalladas, gústalles meterse en zonas que señoras da súa idade non o adoitan facer. Coa obra o que intentamos é levar a realidade dos nosos maiores a escena. Nunha pequena obra que temos que se chama O Velorio. Con ela levamos a escena a través dunha comedia a situación dos nosos maiores cando quedan sos, cando unha nai e os fillos pasan dela, como queda esa nai en casa e pasa os días na súa casa encerrada».

Chelís, que confesa que cando vai de compras ve máis roupa para Chelito que para Chelís, conta que todo xurdiu un día almorzando, como boa señora, co seu compañeiro Emilio: «Díxenlle que che parece se nos caracterizamos e ímonos a tomar un café». E díxome: «Encántame». Así xurdiu este proxecto, no que Chelís saca a súa parte máis viejoven, e no que tamén contan coa axuda de Franco Luque e de Cristina Hilenia, compañeira de clase, parte do proxecto e directora da obra, ademais de ser outro dos personaxes desta pequena comedia no que interpreta a Rosmery, a coidadora.

Chelís está no seu último curso de arte dramática en Valladolid . Ser actor no 2020 non é doado: «Existe un intrusismo laboral do copón, as produtoras sempre tiran por caras coñecidas. Eu agardo que empecen a tirar por caras novas. Van como ao cabalo gañador». Conta que a corentena lle serviu para reflexionar e dar pasos na súa carreira. Outra muller na ficción, Paquita Salas, puxo humor sobre un camiño difícil: o da representación e a carreira dos actores, ese camiño agardando unha chamada de teléfono que nunca chega. «Gústame moito a serie e represéntao moi ben. A vida do actor moi de cando en cando é lineal, eu podo facer unha película e despois me como os mocos». Encántalle o teatro e Almodóvar, e ten dous referentes: «Encántame Javier Gutiérrez e tamén son fan de Yolanda Ramos, tanto no persoal como no profesional». Pero os seus maiores referentes son os seus amigos e compañeiros de clase na escola de arte dramática de Valladolid : «Aprendo moito deles e admíroos moitísimo».

«DAR CANA POLA RÚA»

Aínda queda un ano para rematar a carreira, pero Chelito e Herminia seguirán dando cana pola rúa. Os seus plans para estas dúas señoras pasaban por levalas ao teatro na Coruña, Valladolid e Madrid. A corentena fixo que esa estrea se tivese que atrasar un pouco, «pero queremos seguir co proxecto». Mentres, en Instagram, Herminia e Chelito contan as súas anécdotas no supermercado, na rúa… «Instagram permítenos compartir os nosos personaxes. Temos a Cristina como compañeira e gravándonos, é moi divertido». Chelís, que ama o carácter independente de Chelito, «non necesita un home na súa vida», quere seguir formándose e aprendendo: «É unha carreira de fondo. Pero é a miña paixón, non me vexo facendo outra cousa».