«A torta máis difícil levoume dous días»

YES

ANGEL MANSO

A arte da repostería. Judith aproveita as noites para elaborar creacións como as da dereita. O resultado salta á vista e ao padal

05 sep 2020 . Actualizado ás 05:00 h.

En casa do ferreiro, coitelo de pau. Iso é o que lle pasa a Judith García, unha auténtica artista en facer tortas para a xente que coñece, a pesar de que a ela non lle gusta moito o doce. Esta veciña de Culleredo dedica o pouco tempo libre que ten —traballa nuns grandes almacéns e acaba de ser mamá por segunda vez hai apenas dous meses— a realizar este tipo de creacións, mesmo aproveita as noites mentres dormen as súas fillas para dar renda solta á súa imaxinación.

Porque estas non son unhas tortas normais. Algunhas delas son unhas auténticas obras de arte. Calquera escusa é boa para que Judith se meta rapidamente en fariña e obter o mellor resultado. Mesmo se levou o segundo premio no concurso de tortas de Radio Voz Coruña. Non hai reto nisto das tortas que se lle resista. Tanto che fai a galiña caponata, que lle levou «dous días sen parar», como unhas figuras de fondant que che deixan pampa ou mesmo unhas galletas de glasa real en relevo ou pintadas a man. É incrible pero o resultado que obtén é asombroso.

Ben é certo que ten boa man: «Sempre se me deu ben debuxar e pintar. Por iso fixen o bacharelato artístico», di. E se ademais desta gran habilidade súmaselle unha máis que boa man para a cociña, pois o resultado é o que vedes aquí á dereita.

O máis curioso de todo é que este hobby empezou por casualidade fai seis anos: «Era o aniversario dun amigo noso e unha amiga e aventurámonos a facerlle a torta. Fixemos a típica torta da avoa, e logo puxémoslle uns cascos porque este mozo é DJ». E a partir de aí xa non puido deixalo.

Chega a facer dúas sobremesas de media por semana. Podedes ver todas as súas creacións nas súas contas de Instagram  e Facebook baixo o nome de Judithinhas: «Primeiro debuxo a idea en papel e logo xa empezo a facela. Fago o biscoito, que me adoita levar unha hora, e déixoo arrefriar. Daquela os recheos, outra media hora. Monto a torta, que tamén me pode levar uns 30 minutos. E logo o fondant, que é o máis difícil, porque o teño que mesturar para que se elastifique e non se grete á hora de facer o deseño. Hai que amasarlo ben e estiralo. Unha torta normal, que non ten moita complicación, pódeme levar unhas seis horas en total», aclara esta experta repostera que tamén recoñece que fixo varios cursos para especializarse neste tipo de tortas.

Hai moitas creacións das que está moi orgullosa, como a da máquina de coser, que era unha copia exacta dunha que tiña a nai da cumpleañera; a da camiseta do Dépor, «que leva papel comestible e cuxos logotipos están pintados a man», a da cámara de fotos Nikon... o devandito, unha artista.