Iago Martínez, da empresa galega Edigal: «A nosa app é unha especie de Booking que che di que praia está libre, en que lugar de Galicia e a que hora para a reserva»

YES

Ramón Leiro

«Creamos unha plataforma na que pretendemos aglutinar todo o lecer para que se poida gozar con cita previa dos areais, parques infantís, restaurantes, terrazas e hoteis», sinala o responsable

19 may 2020 . Actualizado ás 13:27 h.

Iago Martínez, da empresa galega Edigal, con máis de 25 anos de experiencia, expúxose nos inicios da pandemia como favorecer a orde de acceso aos hoteis e a partir de aí o seu equipo iniciou o desenvolvemento do proxecto para organizar as praias. Agora, o seu app, na que investiron diñeiro e esforzo, permite aglutinar de xeito global reservas en diversos lugares de lecer, non só na costa, para dinamizar todos os sectores relacionados con ese ámbito. Restaurantes, terrazas, parques, e por suposto, areais poden ser xestionados con solvencia grazas á súa web e a súa app. Unha peme galega punteira, con tecnoloxía propia, que podería axudar a garantir a seguridade este verán.

 -Como xurdiu este proxecto?

-Uns días despois do estado de alarma, un grupo de persoas relacionadas co sector turístico puxémonos a pensar que podiamos facer contra o covid. Xurdiu entón  a idea de ofrecer un proxecto no cal de xeito eficaz poidamos REVISAR permitir a apertura das praias e o distanciamento con seguridade. O noso horizonte era poder pisar a area, porque se non o sector turístico non se ía a abrir, e como cidadáns queriamos gozar dos espazos públicos, e por aí buscamos unha alternativa. Pensamos como para este verán podiamos pór plataformas de reserva, de control de capacidades en xeral, en espazos privados e públicos. Porque cremos que sería o único xeito de controlar o espazo físico. Rapidamente puxémonos a buscar o apoio da Administración pública, investimos diñeiro e esforzo  para o desenvolvemento e xa temos a plataforma lista para pór en funcionamento de xeito inmediato. A nosa formulación para que sexa eficaz, ten que ser unificado en Galicia, ten que haber toda a semana persoal de asistencia que atenda por teléfono e dean soporte a todas as necesidades que xurdan por parte da cidadanía e a Administración. Non é unha app só de xestión de reservas, vai máis aló. É un modelo de xestión que comprende as necesidades dos negocios no sector turístico, da xente e a Administración. Agora só agardamos a chamada da Xunta para póla en marcha. 

-Como funciona?

-Imaxínache que ti desde A Coruña queres ir ao Grove, tes instalada o teu app ou entras na web e a partir de aí seleccionas  Concello do Grove, entón aparécenche as praias que están dispoñibles. As capacidades que teñen cada unha delas e ti reservarías, por exemplo, que queres ir o sábado de 15.30 a 17.30 nunha. Engades a túa unidade familiar, que no teu caso é de cinco persoas e podes tela xa pregrabada, se o desexas así. Farías a reserva e xa despois o sábado agardarían por ti para que goces dese horario na praia. Pero non tes por que dar datos persoais. Unha vez alí, poderás acceder con código QR, DNI, App, dispositivos de radiofrecuencia, etcétera. En areais con moita demanda, é recomendable que haxa persoas controlando.

-Con canta antelación habería que facelo?

-Iso márcao o Concello. É dicir, a tecnoloxía permíteche facelo cando ti queiras e onde ti queiras, evidentemente ninguén vai ir á praia con 15 días de antelación porque non sabes o tempo que vai facer, salvo que queiras facer a prerreserva. O normal é que os Concellos o vaian a expor con tres, catro ou cinco días de acordo coas predicións meteorolóxicas fiables. 

-Que nos vai permitir entón esta tecnoloxía?

-Ser máis eficaces e a ti garantirche que vas ter un espazo na praia. Porque ti podes saír da túa casa e  chegar a un sitio con moitísima xente e que non che interese baixarche do coche nesa praia por motivos de seguridade. Ademais, como ti tes a túa reserva e a túa hora marcada non tes que pelexarche con ninguén polo teu espazo na praia, se a teñen dividida por cuadrículas asignaríancha por cuadrículas, se non é así, xa tes a distancia mínima asegurada. E por suposto permite á Administración pública un maior aforro, porque hai menos desorde, máis control... Eles saben que nesa praia van chegar tantas persoas a esta hora, e a esta, e saberán que perfís son. É como nunha barbería ou nun hotel, necesitarás organizarche e pedir cita. 

-Reservaremos na praia entón do mesmo xeito que o facemos nun hotel?

-Igual, igual. De feito, a app está baseada nun Booking para que nos entendamos todos. 

-Imaxinemos que o Concello che di que reserves con dous días de antelación, pode haber moita xente que coincida o domingo ás catro da tarde. Que pasaría?

-A app vaiche dicir que praias tes dispoñibles en todos os concellos. Praias ou outros espazos. Porque o que nós propomos serve tamén para parques infantís, para actividades de lecer, restaurantes, terrazas, etcétera. Eu se mañá quero ir á visita nunha adega na Ribeira Sacra ou quero levar aos meus fillos ao parque infantil de non se que praza neste lugar ou quero ir ao París-Dakar de Sanxenxo poderei facelo todo con esta app. Todo iso estará integrado. Dese modo podo reservar o meu espazo na praia, o meu espazo no restaurante e a miña actividade de lecer. 

-Vosa plataforma vale para calquera Concello de Galicia?

-Evidentemente. De feito, o que nós propomos é que canto máis uso, mellor. Se unha persoa de Lugo quere ir á Coruña que a poida utilizar e viceversa. 

-Así que o usuario podería ver que lle interesa máis ir a unha praia de Foz ou de Fisterra, que están libres, porque hai overbooking en Silgar, por exemplo.

-Efectivamente.  Ti ves a dispoñibilidade que hai. Esta é a mesma filosofía que queremos desenvolver nos restaurantes. Coñezo xente que quixo quedar para tomar algo o pasado venres e atopouse co problema de que non había sitio nas terrazas. Isto podería facilitar e saber que o bar ten libre eses catro sitios e ti reservar. Iso permite rotación. Ti xa podes reservar na praia das Catedrais, iso xa existe, pero un modelo de xestión global no que poidas aglutinar todo non. Sabes que nas Cíes ou nas Catedrais existe esa fórmula, pero isto permíteche abarcalo todo. E ademais haberá que falar dos controis de acceso, que diso non se está falando. Porque se non, déixalo toda á educación da xente. 

-Acabouse ir á praia sobre a marcha?

-Bo, como todo. Haberá espazos que non estean masificados. Nós propomos que non teñas que reservar todo, todo con antelación. Ti chegas, ves que hai sitio e xa está. Reservas nese caso por educación, iso é o que propomos: «Cheguei e me hei ir», que quede ese rexistro. Pero se ti tes un espazo libre e non hai control de acceso, pois ti entrarías. Agora, iso vaino a poder manter Riazor, Orzán, Samil ou Silgar? Non. Nesas praias ten que haber un control porque se xuntan miles de persoas cada día. 

-Organizarémonos por horas?

-Eu creo que en areais como Silgar ten que haber xente controlando iso, porque se non, dicíanos o alcalde que en só un día no verán pasan 20.000 persoas. Canta xente pode haber en Riazor? É que se non, a alternativa é unha marcha atrás ou que non nos deixen gozar. 

-A ver como se organizan as calas de Cangas. Se cadra é o ideal para que non haxa pelexas no aparcadoiro.

-Xa en Cangas esta fin de semana tivo que intervir a policía e non pasamos de fase. Se tes que intervir e hai algún desfasamento, con estas reservas sería moito menor. Sempre pode haber problemas, pero suponse que deste xeito estaría o acceso máis controlado.