«Os nenos, se poden saír con patinete ou bici, mellor que só de paseo»

YES

Marcos Míguez

Os profesionais recomendan «forzar» un pouquiño a actividade física naqueles menores que teñan gañado peso durante o confinamento

14 may 2020 . Actualizado ás 14:10 h.

 Agora podemos pasear, facer deporte, gozar do aire libre, pero non podemos esquecer que estivemos seis semanas encerrados, sobre todo os máis pequenos da casa. Portáronse como super heroes, dando unha lección a todos os adultos, aguantando como jabatos, ás veces, en pisos de poucos metros cadrados, sen poder correr, nin desfogarse, sen poder saír ao recreo, sen clases de educación física, sen actividades extraescolares onde queimar toda a súa enerxía, que non é pouca a certas idades e nalgúns nenos. E todo iso se nota.

 Os expertos en nutrición, que están retomando a actividade estes días, están a ver como o confinamento nos deixou quilos de máis aos adultos, pero tamén aos nenos. Nada alarmante nin reversible, pero si que pon de manifesto a importancia da actividade física nas etapas de crecemento. «Hai nenos que non pairan en casa, pero outros que están diante da tele, co computador, coas maquinitas... Notóuselles moito. Non estan todo o día xogando con outros nenos, faltoulles moito esa actividade e estiveron moi ansiosos tamén, os nenos tamén teñen inquedanza, e ían ao picoteo», explica a nutricionista Ana Golpe. Aínda que teñan collido algo de peso, non se trata de nada alarmante nin irreversible, en canto recuperemos a normalidade, os metabolismos tamén o farán, con todo, os profesionais apuntan a que nestes casos é recomendable «forzar» un pouquiño a actividade física estes primeiros días ben saíndo con patinete ou coa bici. «Que vaia e volva coa bici ou co patinete varias veces, sempre que estean controlados polos pais, para que se movan un pouquiño máis sen a presión dunha dieta, porque a palabra dieta nos nenos non pode ser, é mellor introducir e falar de hábitos saudables», explica Golpe.

 A endocrina do Chuac Ana Prado tamén se mostra partidaria de que os nenos se movan en patinete ou bici estes primeiros días sempre que isto non se converta nunha obrigación para eles. «Se eles queren, e veno como algo positivo, é mellor. É bo activar o corpo, pero con tranquilidade, non se pode converter nunha obrigación». Prado confirma que naqueles nenos que estivesen acostumados practicar deporte dous ou tres días á semana pódese notar un maior cambio, que naqueles que levaban unha vida máis sedentaria. É partidaria de restrinxir os picoteos entre horas, de controlar un pouquiño máis a alimentación e organizar uns horarios. «Hai quen cociñou san e quen non, quen tirou máis de cómida rápida e gañaron máis peso. O ideal xa era moverse en casa, pero agora hai que aproveitar esa hora para dar un paseo, para moverse, para gozar do sol, que nos dea o aire», apunta Prado.