Estas son as fotos de perfil que usan os galegos para ligar

YES

YES

O noso é o postureo. Dos músculos dos pontevedreses ao rolo runner coruñés. En Lugo son máis de invitar o café, mentres que en Ourense se van de intelectuais. Así se presentan os galegos na Rede cando se trata de gustar

10 feb 2020 . Actualizado ás 12:30 h.

Que difícil é estar no mercado. Só hai que botar un ollo entre os Tinder, Grinder e demais barras libres para ligar. Sen postureo non hai perfil. E aos galegos téñennos ben calados. Solteiros.é, un comparador de servizos para buscar parella online, acaba de publicar o estudo Fotos de perfil 2020/2021: Que ensinan os solteiros online? Un traballo no que analizaron máis de 22 millóns de fotos de perfil de usuarios deste tipo de páxinas en 16 países, incluídas máis de 1,3 millóns de fotos en España. Para empezar, un pouco de contexto nacional. No noso país hai ao redor de 4 millóns de persoas apuntadas a páxinas para ligar ou buscar parella por Internet, das cales o 64 % son homes, e o 36 %, mulleres. A idade media deles é de 27,5 anos, e a delas de 26,1. Gañan os perfís de usuarios heterosexuais cun 85,5 % fronte aos dos homosexuais, que representan o 14,4 % do total.

O panorama en Galicia é o seguinte. Os galegos con perfil neste tipo de servizos ascenden ás 200.000 persoas, das cales no estudo se analizaron 12.000 perfís e 46.000 fotos. Gañan os homes á hora de facerse un perfil, cunha proporción do 67 % fronte ás mulleres, que acadan o 33 %. Ambos os sexos están case empatados en Galicia con respecto á idade facilitada nos devanditos servizos, que é de 28,3 anos no caso masculino e de 27,9 no feminino. Ademais, o informe detalla que os usuarios homosexuais son de media dous anos máis novos que os heterosexuais, cunha idade de 27,4 anos. O tramo comprendido entre os 25 e os 34 anos é o máis popular entre os galegos que forman parte das plataformas para atopar parella, e conforman o 48 % do total dos perfís. Pero, como son eses perfís?

TENDENCIA POR PROVINCIA

Entremos en fariña, porque cada provincia ten a súa tendencia á hora de elixir con que foto queremos tentar aos posibles matchs. Na Coruña pasan do deporte ás canas cunha facilidade abraiante. Alí triunfa o postureo runner e surfero, e aínda que Galicia ocupa unha das últimas prazas no ránking nacional con fotos de actividades deportivas, a provincia herculina gana de longo con respecto ao resto da comunidade e en concreto, no caso dos homes, cun 70 % do total. Claro que tanto deporte obriga a encher, así que os coruñeses gañan tamén en imaxes con pasteis, doces e cervexa. Nada que ver cos pontevedreses, que son os máis sans de toda Galicia e os primeiros no podio á hora de posar con auga. De feito, e a pesar de que os coruñeses non contribúen precisamente a iso, os solteiros galegos son os que máis se fotografan de toda España cun vaso ou unha botella de auga, seguidos polos asturianos e os andaluces. Os mozos de Pontevedra, en consonancia coa súa liña healthy, gañan tamén ao resto á hora de mostrarse sen camiseta para lucir músculo co torso ao descuberto. E si, no estudo especifícase mesmo que a maioría, o 89 %, locen peitos peludos. As provincias máis relaxadas do panorama galego son as de Lugo e Ourense. Os da cidade da muralla, sobre todo as mulleres, superan no seu gusto pola cafeína aos homes, segundo mostra o 68 % das fotos nas que aparecen cun café. En Ourense tiran máis do punto intelectual, e case o 40 % das imaxes de Galicia nas que aparecen libros foron subidas por usuarios ourensáns.

Pero hai outros datos curiosos máis aló desta radiografía por provincias. A nosa comunidade ocupa o segundo posto do ránking no que a fotos coa lúa de fondo refírese, superada só por Asturias. Ademais, o estudo revela que son os solteiros sen estudos superiores os que publican dous terzos do total deste tipo de imaxes nocturnas. Seguindo coa análise, os galegos obtemos o terceiro lugar en posados con comida rápida. Un 6 % das instantáneas nas que aparece o motivo fast food pertencen a esta rexión, sendo superados por Murcia (segunda) e Melilla (primeira). Tamén lucimos a medalla de bronce, por detrás de Castela e León e Estremadura, en perfís con instrumentos musicais, entre os cales destacan a guitarra e a batería. Somos os cuartos en canto a fotos con bebidas alcohólicas, con ao redor do 8 % das imaxes que as inclúen. O número uno nesta categoría lévallo Murcia, e o último lugar Cantabria. Pero se nos fixamos unicamente na cervexa, os galegos subimos de novo ata o terceiro chanzo do podio. Para rematar, temos a dubidosa honra de gañarnos o quinto posto no ránking dos gruñones do país, cun 10,3 % de imaxes con xesto de enfado. Os máis encabuxados posan na Rioxa e Aragón, que empatan á cabeza da clasificación.

Non podía concluír o informe sen abordar as instantáneas con mascotas. Os animais que máis posan xunto aos seus donos son os cans, e as razas máis populares entre as fotos dos solteiros galegos son os Golden Retriever, os Terrier e os Bulldog.

Din que no amor todo vale, pero estas son as nosas preferencias -nada orixinais- á hora de atraelo. Haberá que agardar a outro estudo para comprobar se o postureo funciona.